O fogar e a cidade dixital, a debate nas xornadas Telcom deste venres 1 de xuño en Vigo

mércores, 30 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Este venres 1 de xuño celébranse en Vigo uns encontros profesionais dirixidos a avaliar cuestións como a dixitalización eficaz e efectiva dos nosos fogares e cidades (de cara a convertelas en centros de operación e comunicación cos demais: cidadáns, empresas ou administración) ou o dividendo dixital. Falamos das xornadas Telcom 2012 Galicia, que se van celebrar no Centro Social Novacaixagalicia de Vigo baixo un epígrafe que fala ás claras da súa vontade de abrir camiño e asegurar coñecemento e innovación: Xestionando o presente para gañar o futuro.
O evento vén da man de AGEINTE (Asociación Galega de Empresarios Instaladores de Telecomunicacións) e FENITEL (Federación de Instaladores de Telecomunicacións) e conta co apoio de Hispasat, Retegal ou Televés (patrocinadores). Segundo se informa na web da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG), na que se dá conta do programa detallado dos encontros (en formato PDF), a xuntanza contará coa presenza de Alberto Rodríguez Raposo, director xeral da SETSI, quen se encargará, ás 9.00 horas e xunto con Mar Pereira, directora da AMTEGA, de presidir a apertura institucional. A continuación, haberá (entre outros moitos) relatorios de Retegal (a cargo de José Ángel Abeal, que falará da visión dos operadores de rede sobre o dividendo dixital), da empresa galega Televés (a cargo de Francisco Pérez González (que achegará o punto de vista da industria sobre a dita cuestión), ou de Miguel Ángel Redondo Ugena (de Hispasat, que falará sobre a conectividade no eido do fogar e cidade dixitais).

PUBLICIDADE