O fabricante galego Primux Tech presenta a tableta “máis acaida para este Nadal”, a Siroco X

xoves, 27 de novembro do 2014 Redacción

O fabricante galego Primux Tech, emprazada na Tecnópole de Ourense (onde conta con centro de I+D propio, dende o que da forma e desenvolve as tecnoloxías e dispositivos de seu), quere facilitarnos a elección de tableta para este Nadal que está ao virar a esquina, tanto se falamos dun autoagasallo como se temos en mente regalar aos demais un produto destas características. De feito, segundo informa a compañía, nada máis lóxico que agasallar unha Primux Siroco X, a nova tableta da marca galega. En palabras dos seus desenvolvedores, “trátase dunha tableta que é máis ca unha tableta”.
Entre outras cousas porque a súa principal novidade reside en que incorpora GPS interno de serio, podéndose converter nun gran navegador con localización por satélite de 10,1 polgadas. Unha gran vantaxe, sen dúbida, para a gran cantidade de persoas que teñan que volver a casa por Nadal, “coma no coñecido anuncio da televisión”, comentan dende Primux. A idea, din, “é que volver ao fogar, para elas e eles, non sexa en absoluto un problema”.
Máis polo miúdo, a tableta Siroco X preséntase cunha pantalla HD (High Definition) de 10,1 polgadas (25,65 cm); procesador Quad Core de 1,3 Xhz; 1 XB de memoria RAM e 8 XB de almacenamento interno, podendo ampliarse a 16 XB; dobre cámara de fotos, sendo a traseira de 2 megapíxeles e a frontal de 0,3, que pode ser usada como cámara web. Inclúe unha batería de gran autonomía de 5.000 mAh e corre co sistema operativo Android 4.4 Kit Kat, que, segundo informa Primux, “optimiza os recursos e a arquitectura para acadar unha meirande velocidade nos procesos e unha maior durabilidade da batería”. O seu peso é de 479 gramos.
Porén, explican os desenvolvedores da tableta Siroco X, onde de verdade salienta este dispositivo é “na súa conectividade”. De feito, incorpora un amplo abano de sistemas que impulsan, facilitan e amplían a comunicación, entre os que se contan a versión 4.0 da tecnoloxía Bluetooth, Wireless/n; conexión HDMI 1080p e o xa citado GPS interno que funciona de forma independente sen necesidade de alimentarse da conexión Wi-Fi ou do 3G. “Ademais”, engade Primux, “a nova Siroco X pode converterse en dispositivo 3G, tan só con conectarlle un dispositivo externo mediante o seu porto Micro USB”.

PUBLICIDADE