O disco duro G-DRIVE USB-C pode cargar o portátil durante o seu uso

martes, 11 de abril do 2017 Marcus Fernández

A marca G-Technology da Western Digital Corporation está a ultimar o lanzamento de unidades G-DRIVE USB-C, discos duros externos que, aínda que son compatibles con Mac e PC, están deseñados cos MacBook e MacBook Pro en mente (de feito, veñen formateados para macOS) xa que o seu uso do porto USB-C para conectarse ao equipo informático non servirá só para unha transferencia de datos rápida, senón que o disco é capaz de achegar carga (ate 45 watts) aos portátiles de Apple durante o seu uso, reducindo así a necesidade de conectar un cargador adicional mentres se fai uso do disco externo.
O G-DRIVE USB-C venderase en capacidades de 4, 8 e 10 TB a 199,95, 349,95 e 449,95 dólares respectivamente, e ofrece unha unidade de disco externa cunha elegante carcasa de aluminio que pode conectarse ao ordenador a través dos cables incluídos (conta cun cable USB-C para os equipos máis modernos e outro USB-A para poder funcionar con equipo anteriores). As unidades de disco teñen unha velocidade de 5.400 rpm e cunha velocidade de transferencia de 195 MB/segundo (no caso da unidade de 10 TB), converténdose nunha opción moi interesante para ampliar a capacidade de almacenamento dos portátiles de Apple, aínda que compre detallar que estamos ante un produto bastante voluminoso (19,6 x 12,9 x 3,5 centímetros) e pesado (1 quilogramo), de xeito que estaría máis orientado ao seu uso no escritorio que en mobilidade (aínda que o feito de permitir prescindir do adaptador de corrente do portátil pode mitigar a molestia de ter que cargar con esta unidade).

PUBLICIDADE