O diálogo entre arte e novas tecnoloxías, polo miúdo en Salamanca co programa #kedarte

xoves, 13 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Salamanca acolle esta semana unha serie de de actividades sobre novas canles de expresión e comunicación. Falamos do programa #kedarte, unha cita para blogueiros, tuiteiros, facebookeiros e seareiros, en definitiva, de todas as redes e comunidades sociais de meirande potencialidade e actualidade. O seu obxectivo é favorecer un escenario para compartir experiencias arredor dos ditos servizos 2.0 e de como estes son quen de intervir no espazo artístico, no propio artista e, tamén, no público destinatario. A xuntanza lévase a cabo en varios espazos diferentes, entre os que se inclúe o DA2 Salamanca (centro de arte contemporánea) este martes 13 decembro.
Segundo nos conta Francisco Porto dende La Lata Muda (revista en liña de arte experimental), a xuntanza deste martes, a segunda edición do programa, dará comezo ás 18.30 horas co primeiro proxecto LabRural/Kedarte (do que puidemos informarnos xa en Pontevedra no Culturgal) da man do propio Francisco Porto, que tamén falará sobre arte e medio rural e introducirá o evento.
Logo, entre outros moitos, darase paso á presentación de proxectos artístico-tecnolóxicos como o de Naraya Mouro, que explicará na Casa de Nara a súa traxectoria como artista emerxente e a súa relación cas redes sociais. Tamén nun plano próximo á temática de Código Cero, Marta Álvarez (Grupo Estearte) charlará sobre o poder da imaxe e a súa reapropiación como ferramenta básica para enfrontarse ao mundo actual; Esther Morais, Cecilio Javier Trigo e Alejandro Lozano seguirán esta liña con Aula de Imaxe & Imalogo para asentar os alicerces da alfabetización visual e propor un diálogo baseado nas imaxes.
O proxecto Music Vídeo Watchers. Youtube & Philosophy será presentado por Laura Rodríguez, que guiará ao público a través do mundo do vídeo en Internet. Santiago Bayón deterase na arte urbana que flúe polas cidades e está en constante cambio. Asemade, Miguel Ángel Benjumea dará conta de Cartografías Disidentes (da rúa ao pixel), unha proposta na que a cartografía é indispensable para analizar o espazo e ofrecer novas ferramentas de acción. A maiores, José María Blázquez amosará un proxecto que pretende ser global e tecnolóxico: New Transmedia Project.

PUBLICIDADE