O control cidadán a través das novas tecnoloxías, a debate esta semana en Santiago

mércores, 8 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Como actividade formativa previa ao curso escolar, a Universidade de Santiago acolle esta semana un curso encamiñado a mover á reflexión sobre os usos que os diferentes eidos de control mundial están a facer das tecnoloxías da información, usos que nunha boa parte dos casos veñen revestidos con falsas coartadas a prol da liberdade e da participación cidadá. O curso Redefinindo a privacidade. Orwell 2010 parte da base de que o universo de vixilancia e control recreado polo escritor George Orwell no seu libro 1984 aínda fica plenamente vixente, aínda que as feituras externas sexan diferentes. O gran obxectivo da actividade é “obter unha descrición das novas tecnoloxías usadas por poderes públicos e grandes corporacións, mediante as que controlan ao cidadán no seu devir social ou mesmo privado”.
Na organización deste curso (que celebra este xoves 9 e máis o venres 10 na Facultade de Ciencias da Comunicación) atópase Ramom Lôpez-Suevos, catedrático de Estrutura Económica da USC. A actividade conta co financiamento da CIG e do Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades (Esculca). A inauguración oficial comezará ás 9:00 horas no Auditorio da Facultade compostelá.

JPEG - 200.2 KB
Programa das xornadas Orwell 2010

PUBLICIDADE