O congreso ICCF2019 xunta na Coruña 120 expertos do ámbito fintech

venres, 5 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Expertos de dúas ducias de países van participar a semana vindeira nunha xuntanza sobre o eido fintech, que é como se denomina o sector da tecnoloxía que se centra en achegar servizos e produtos financeiros innovadores mediante o uso das TIC. Estamos a falar do terceiro Congreso Internacional de Finanzas Computacionais (ICCF2019), que se desenvolve na Coruña entre o 8 e o 12 de xullo, con sede principal no edificio da Fundación Barrié.
Falarán 120 expertos académicos e profesionais dos devanditos ámbitos. A cita está organizada pola Universidade da Coruña, coa colaboración da Fundación Barrié, o Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), o ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), o European Consortium of Mathematics and Industry, Abanca, Afundación e Risk.net.
Carlos Vázquez Cendón, catedrático de Matemática Aplicada da Universidade da Coruña, é o coordinador do comité científico deste evento. Segundo explica, trátase dun congreso mundial “de elevada participación”, coa presenza de reputados e sobranceiros profesionais e investigadores, co “que pretendemos fortalecer as nosas alianzas co sector industrial”. Segundo fai saber acerca dos retos que se van afrontar no marco do ICCF, “as finanzas cuantitativas precisan de moitas ferramentas matemáticas e cuantitativas para calcular riscos financeiros e o valor de produtos”.
A reunión busca propiciar a colaboración de investigadores destacados de universidades e centros de investigación con prestixiosos profesionais do sector financeiro. Os 120 participantes proceden de 24 países: Alemaña, Arabia Saudita, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, Colombia, Dinamarca, Emiratos Árabes, Eslovaquia, España, Estados Unidos, Francia, Holanda, Hungría, Irlanda, Italia, Xapón, Nova Zelandia, Portugal, Reino Unido, República de Corea e Suíza.
O programa inclúe 13 conferenciantes de prestixio mundial, procedentes de recoñecidas universidades europeas e americanas. Tamén participarán representantes referenciais como Bloomberg, que ofrece software, datos e noticias de corte financeiro; ou a italiana Banca IMI, o banco de investimentos de Intesa Sanpaolo, un grupo financeiro referencial en Italia e cunha forte presenza internacional.
No marco deste encontro, o mércores 10 desenvolverase o Industrial Day na sede coruñesa de Afundación. Constará de tres conferencias impartidas por tres profesionais de renome. Trátase de Bruno Dupire, responsábel de Investigación Cuantitativa na compañía Bloomberg e profesor na Universidade de Nova York; Julien Guyon, analista cuantitativo en Bloomberg e profesor de Matemáticas na Universidade de Columbia; e Andrea Pallavicini de Banca IMI e profesor no Imperial College de Londres.
De seguido celebrarase unha mesa redonda sobre Temas actuais na industria financeira. Nela, ademais de Bruno Dupire de Bloomberg, participarán a profesional galega María R. Nogueiras, responsábel de Análise de Riscos no HSBC Bank de Londres, unha das organizacións de servizos bancarios e financeiros máis grandes do mundo; o polaco Lech Grzelac, senior quant da multinacional holandesa Rabobank; o canadense Peter Forsyth, profesor con ampla experiencia na colaboración co sector financeiro e asegurador; e o holandés Kees Oosterlee, catedrático e investigador do CWI, o Centro holandés de Matemáticas e Informática.
No debate xurdirán temas de aplicación de novas técnicas matemáticas, numéricas e computacionais no sector financeiro e asegurador; xunto a aspectos relacionados con uso da Aprendizaxe Profunda (Deep Learning), a Intelixencia Artificial, a Cadea de Bloques (Blockchain) ou a análise da información a gran escala (Big Data); así como novos aspectos financeiros relacionados co regulamento, os axustes de valoración por risco de contrapartida ou a substitución do LIBOR.
A organización salienta tamén “a alta presenza no congreso dun bo número de mozos investigadores”, que poderán optar ao premio do Journal of Computational Finance (Revista de Finanzas Computacionais) ao mellor traballo presentado no transcurso do evento. O premio entregarase no acto de clausura deste evento.

PUBLICIDADE