O comercio local compostelán lanza plataforma de vendas outlet

venres, 11 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A cidadanía de Santiago e da súa contorna conta dende xa cunha nova web onde atopar os máis destacados descontos e oportunidades dos establecementos locais. A iniciativa, posta en marcha pola asociación de comercios Santiago Centro, foi dada a coñecer hoxe polo presidente da entidade, Chema Fernández, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez e a presidenta de Em Rede, Eva López. A páxina en cuestión, Outletsantiago.gal, é un portal multimedia destinado a achegar á comunidade en liña “unha canle de venda de produtos outlet coa garantía e a experiencia do comercio de proximidade”. Trátase, segundo fixo saber José María Fernández, “dunha plataforma de venda virtual que ofrece calidade real”.
A iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico presentado por Santiago Centro o ano pasado, no que se establece a dixitalización e a tecnoloxía “como ferramentas fundamentais para dinamizar as vendas do comercio retallista”. A idea era complementar as iniciativas individuais dos comercios que xa teñen web e mesmo tenda online cunha porta de entrada xeral á transformación tecnolóxica.
Plataforma de venda
Outlet Santiago preséntase como unha plataforma de venda de produtos en outlet, de establecementos comerciais de Compostela, no que Santiago Centro actúa como intermediario. As vendas realízanse de xeito directo entre o comprador e o provedor. Neste momento inicial, no portal participan 28 tendas e pódense atopar máis de 600 produtos con descontos do 15 ao 70%, dos sectores téxtil, calzado, xoiaría, complementos, deportes, papelaría, animais de compañía, alimentación gourmet, óptica, imaxe e son, regalos, móbeis e máis decoración.
O fornecemento de contidos ao portal realizarase de xeito continuado, ao poder os comercios integrar produtos sempre que o desexen, así como xestionar stocks, facturar e enviar os artigos vendidos, “sen perder nunca o control dos seus produtos nin da relación cos clientes” fíxose saber na presentación de hoxe, engadindo que Santiago Centro proporciona a plataforma, a formación necesaria para comezar e máis a pasarela de pagos, negociando os envíos, mantendo un servizo permanente de apoio aos comercios e desenvolvendo as campañas de publicidade e promoción.
Santiago Centro creou e mantén o proxecto contando coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, a través das súas liñas de axudas a asociacións de comerciantes e proxectos de innovación comercial.

PUBLICIDADE