O centro galego Gradiant colabora nun proxecto para a localización inmediata de pacientes

martes, 2 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

Seguimos a dar conta de aplicacións prácticas das novas tecnoloxías da información no eido sanitario, un eido que atopou nos diferentes elementos do ámbito dixital diversas maneiras de mellorar a calidade de vida dos doentes e, a maiores, o propio traballo do persoal médico. Disto trata, precisamente, o proxecto Lobin, unha iniciativa na que está a traballar activamente o centro galego Gradiant e que en liñas xerais consiste no deseño e posta en marcha da tecnoloxía precisa para minimizar até o impensable o tempo que se emprega decote en atopar un paciente. Esta tecnoloxía, que está en fase de aplicación e análise no Hospital de La Paz de Madrid (onde se traballa dando servizo e atención a cinco doentes durante as 24 horas do día), coñécese co nome de LOBIN: Localización e Biomonitorización a través de Redes Inalámbricas en Entornos Hospitalarios.
O sistema, unha estrutura básica de localización, está baseado no emprego de camisetas intelixentes (que se poden lavar e que achegan varias funcións) equipadas con sensores e-Textile integrados que rematan coa situación estática do ingresado ao transmitir sen a necesidade de fíos un ECG (que non é outra cousa que un electrocardiograma), datos sobre a respiración, a temperatura, a posición relativa do doente (de pé ou descansando), o seu índice de actividade física e posición espacial.
A comunicación”, informa o centro Gradiant, “lévase a cabo a través dunha rede en malla sen fíos que posibilita a asociación de dispositivos, sobre a base do estándar de comunicacións de curto alcance chamado Zigbee”. O que se buscou, polo tanto, era unha alternativa ao ben coñecido GPS, tecnoloxía que non achegaba as características requiridas ao non funcionar de maneira óptima en espazos pechados, informan os responsables do proxecto. Amais disto, cómpre engadir que Zigbee achega consumos de enerxía máis baixos có GPS, sendo neste caso específico máis eficaz e rendible.
O equipo conta cun sistema seguro de información dende o que se leva a cabo o control dos pacientes e máis outras funcións importantes como a emisión de alarmas en caso de que a persoa que se monotoriza saia do emprazamento físico do centro hospitalario, o rexistro continuo do ECG ou ben detección en tempo real de arritmias ou taquicardias.
Polo que se refire ás empresas e entidades públicas que participan no proxecto, dicir que o deseño da plataforma de xestión e a interfaz corre a cargo de Simave (empresa que centra unha boa parte do seu traballo na integración de sistemas en diversas eidos das TIC), o hardware de comunicación e os dispositivos Zigbee veñen da man de Nlaza (firma do ámbito dos sensores sen fíos) e os protocolos en rede foron obra do Grupo de Tecnoloxías de Rede do Departamento de Enxeñería Telemática da Universidade Carlos III de Madrid.
Por certo que o centro galego Gradiant, espazo de investigación situado en Vigo, centrou (grazas ás achegas dos seus especialistas en redes de sensores) unha boa parte do seu labor na localización en interiores, “triangulando a posición do doente a través das mensaxes que intercambian os dispositivos Zigbee”.

PUBLICIDADE