O catálogo Films from Galicia 2026 comeza este xoves o seu periplo internacional
xoves, 12 de febreiro do 2026
A Consellería de Cultura editou o catálogo Films from Galicia 2026, unha ferramenta de difusión exterior que reúne 63 novos títulos do audiovisual galego, con 23 estreas recentes e 40 proxectos en diferentes fases de desenvolvemento. A publicación lánzase en inglés, en formato tanto físico como dixital interactivo, para favorecer a súa máxima difusión.
Ofrécese e compéndiase información útil para profesionais da distribución, das vendas e da programación e incorporarase á actividade de promoción do Goberno galego en diferentes mercados e encontros especializados do circuíto internacional, co obxectivo de “aumentar as oportunidades e a competitividade do sector audiovisual do país asociado, ademais, á marca Galicia Calidade”.
Films from Galicia 2026 comeza este xoves 12 de febreiro o seu periplo no European Film Market de Berlín, o espazo dedicado á exhibición empresarial e ao negocio que se desenvolve ata o 18 de febreiro en paralelo á Berlinale e ao que está prevista a asistencia de máis de 12.000 axentes do sector.
O catálogo organiza os contidos segundo o momento no que se atopa cada produción e presta testemuño dos apoios acadados para cada proxecto, como os prestados pola Xunta de Galicia á maior parte dos títulos a través das diferentes liñas de subvención convocadas nos últimos anos.
No apartado de próximas estreas recóllense 10 filmes, entre eles Monstro, coa que Andrés Goteira regresará á gran pantalla, e que conta con Antonio Durán “Morris” no elenco. Outros títulos moi agardados son A nadadora, de Sandra Sánchez; A morte nos teus ollos, de Guillermo Oliveira; ou Tralovento, de Eloy Domínguez Serén. Nesta mesma sección inclúense cinco documentais e dous proxectos televisivos próximos a chegar ao público, configurando deste xeito un amplo escaparate actualizado do que está a piques de incorporarse ao calendario de festivais e á exhibición en salas.
No bloque de títulos xa estreados figuran 12 películas: Así chegou a noite, Rondallas, Antes de nós, Golpes, Onte á noite conquistei Tebas, Leo & Lou, Romería, San Simón, Sirât, Strany riu, As liñas descontinuas (que chega o 20 de febreiro aos cines) e Me has robado el corazón.
O apartado de producións xa finalizadas complétase con oito documentais estreados e con dous proxectos de animación, entre eles, Decorado, de Alberto Vázquez, que figura no catálogo coa súa candidatura ao Goya á mellor película de animación, ademais dun proxecto televisivo xa completado.
Pola súa banda, a sección de traballos en desenvolvemento incorpora 16 películas, con propostas asinadas por Lois Patiño, Paula Cons, Alfonso Zarauza, Álvaro Gago, Lucía Estévez ou Diana Toucedo, entre outras autorías presentes nesta panorámica. A relación complétase con cinco documentais e dous proxectos de animación tamén en fase inicial.
Este catálogo, que se acompaña dun vídeo con imaxes das películas facilitadas polas produtoras complétase coa recente edición de Shorts from Galicia 2026, dedicada ao formato curto e dispoñible tamén en versión física e dixital para a súa difusión internacional. A distribución desta escolma de nove títulos comezou xa a principios deste mes de febreiro no mercado asociado ao festival de Clermont-Ferrand (Francia).
