O casco Meta Quest 3 facilitará a realidade aumentada grazas ás súas cámaras a cor
venres, 2 de xuño do 2023
Tras o éxito do
casco de realidade virtual Meta Quest 2 presentouse un modelo máis avanzado e
compacto, o
casco Meta Quest Pro, que cun prezo de lanzamento de 1.799,99 euros
situábase totalmente fóra do mercado, e finalmente decidiron integrar boa parte
dos seus avances nun modelo de consumo, Meta Quest 3, que chegará ao
mercado no outono a un prezo que partirá dos 569,99 euros e do que darán moitos
máis detalles o 27 de setembro, cando se celebrará o Meta Connect.
O casco Meta Quest 3 volverá a apostar por ser unha solución autónoma sen cables,
que incorpora un procesador de Qualcomm de nova xeración, conseguindo unha
importante mellora de rendemento (tería máis do dobre de potencia que o
procesador de Meta Quest 2), aínda que os grandes cambios que percibirá máis o
público son o redeseño físico do casco (agora un 40% máis delgado), uns novos
mandos (máis ergonómicos e coa tecnoloxía háptica TruTouch) e cunhas cámaras a
toda cor de 4 Mpíxeles que facilitarán a introdución do noso contorno real nas
pantallas do casco para gozar de novas experiencias de realidade aumentada.
Deste xeito o casco Meta Quest 3 será un xeito de seguir avanzando nos cascos
de realidade virtual, mantendo a compatibilidade coa grande catálogo de software
dispoñible para Quest 2 (con máis de 500 xogos, aplicacións e experiencias
dispoñibles), e abrindo a porta a experiencias de realidade aumentada, que
prometen converterse en todo un fenómeno no futuro no que moitos (tanto
consumidores como desenvolvedores) poderán introducirse a un prezo bastante
axustado.
O lanzamento das Quest 3 tamén suporá que as Quest 2, que continuarán a recibir
soporte durante bastante tempo, baixen o seu prezo para facer a realidade
virtual máis accesible para o público e, aínda que poida parecer que non ten
moito sentido adquirir agora un casco anticuado, para quen queira
empregalo no PC gamer sería unha boa opción, xa que o actual casco de
Meta pode empregarse como casco de VR de ordenador tanto por USB-C como a través
de Wi-Fi, prestación na que as novidades incluídas en Quest 3 non tería
impacto.
A nivel de software Meta tamén destacou que están
en preparación unha chea de novos xogos de realidade virtual, como Asgard’s
Warth 2, unha versión de VR do clásico xogo de ritmo Samba de Amigo,
un xogo de Strangers Things, un xogo de infiltración ambientado no universo
de Vampire: The Masquerade, a secuela de Arizona Sunshine, e
incluso un novo Assassin’s Creed.
Vídeo de presentación do casco Meta Quest 3