O blog O levantador de minas de Alfredo Ferreiro, premio AELG

luns, 2 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Alfredo Ferreiro nunha imaxe de arquivo da asociación

A Asociación de Escritores en Lingua Galega entregou este sábado 30 de abril os seus premios 2011, encamiñados coma en anteriores edicións a recoñecer o máis salientable da nosa colleita literaria dos doce meses precedentes. Igual que en anteriores ocasións, amais dos galardóns de tipo tradicional que se centran nos formatos cos que levan convivindo os seareiros da lectura durante séculos (novela, poesía, ensaio, etc), houbo marxe para rastrexar o eido dixital na procura da mellor achega creativa. Esta vontade materialízase na categoría Mellor Blog Literario, que desta volta saldouse co premio a O levantador de minas de Alfredo Ferreiro.
Trátase dunha bitácora centrada na actualidade cultura do noso país, posta en marcha en 2006 e aberta á colaboración directa de diversos representantes das nosas letras (Ernesto Vázquez, José Antonio Lozano, Ramiro Torres, Tati Mancebo, etc), abordando un amplo feixe de puntos de vista sobre o fenómeno creativo galego: crítica, historia, ensaio, novas, premios.
A continuación, damos conta da listaxe principal de gañadoras e gañadores dos Premios AELG 2011, recoñecementos que se veñen de fallar na Cea das Letras da dita asociación galega.
· Literatura Infanto-xuvenil:O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro
· Mellor traxectoria en Xornalismo Cultural: Ramón Nicolás
· Ensaio: O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro
· Tradución: Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (de Herta Müller)
· Teatro: Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo
· Mellor Blog Literario: O levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org/), de Alfredo Ferreiro
· Narrativa: Todo é silencio, de Manuel Rivas
· Poesía: Estremas, de Ana Romaní
A maiores, fíxose entrega do Premio Institución Cultural, caracterizado pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano foi para a Fundación Penzol, “por ser un proxecto de país, creado para permanecer e dar ás novas xeracións o noso legado cultural, e que chanta as súas raizames na necesidade de crear unha biblioteca e un centro de documentación e de estudos da nosa lingua e da nosa literatura”. Polo que atinxe ao Premio Escritor Galego
E mais o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, foi outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que “o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana”.

PUBLICIDADE