O alumnado da USC poderá formarse en tecnoloxías disruptivas grazas á Fundación Innovación Bankinter

mércores, 20 de setembro do 2023 S. P.

A Fundación Innovación Bankinter lanzou unha nova edición do programa Akademia para alumnado da USC, unha iniciativa innovadora con docentes de referencia internacional que axudará a que as e os estudantes dos campus de Santiago e Lugo encaren o futuro con formación avanzada nas revolucións tecnolóxicas que estamos a vivir e experimentar xa.
As, oi alumnado inscrito aprenderá a analizar, interpretar e ollar as tendencias do futuro ademais de “vivir unha experiencia de crecemento para a súa vida profesional e persoal, así como aprender a crear un algoritmo de Intelixencia Artificial dende cero”, explican dende a organización.
As dez sesións terán pouco máis dunha hora de duración a través de Zoom e, en cada unha, unha persoa especialista na materia dirixirá o debate. O programa desenvolverase ata decembro de 2023 e para participar é necesario formalizar a inscrición a través da web de Akademia. Ofértanse tres convocatorias con prazos e horarios diferentes, rematando o período de inscrición máis inmediato o 22 de setembro.
O tránsito das ideas dende o papel á realidade, as fronteiras da enerxía, a auga, telecomunicacións, as oportunidades do Big Data (análise da información a gran escala), a Intelixencia Artificial, ou a revolución cuántica serán algúns dos temas obxecto de análise neste programa formativo. Serán, como sinalan dende a fundación Bankinter, temas que serán relevantes dentro de dez anos e no momento en que os alumnos participantes lideren organizacións e entidades.