O Zero Client virá da man de Fujitsu ao I Foro Galego de Cloud

mércores, 19 de maio do 2010 Raquel Noya

Os organizadores do I Foro Galego de Cloud, que como viñemos apuntando nos últimos días quence motores para dar comezo mañá xoves, 20 de maio en Santiago de Compostela, veñen de anunciar que a última novidade en ferramentas de Virtualización do Posto de Traballo (VDI) de Fujitsu, o denominado Zero Client, será unha das ferramentas que se mostrarán no Cloud en exclusiva para as persoas asistentes.
Esta compañía, que é un dos patrocinadores do evento, mostrará o seu Zero Client dentro do Laboratorio que a compañía terá no Foro así como o funcionamento deste novo produto destinado á virtualización e á inmersión nos cloud computing empresariais.
O PC queda integrado totalmente no servidor e é unha pantalla intelixente a que proporciona un entorno de traballo sinxelo e cunha doada implementación plug and play. Asemade, non require un sistema operativo, procesador, aplicacións ou copia de seguridade de datos locais e facilita o traballo de calquera usuario aínda que non teña uns coñecementos moi amplos en informática e novas tecnoloxías.
As persoas asistentes a este I Foro Galego de Cloud, que organiza Ozona Consulting co apoio da Xunta de Galicia, poderán ver demostracións sobre a xestión e configuración desta ferramenta que fai posible a “Virtualización do Posto de Traballo (VDI)”.
Fujitsu tamén participará no programa de relatorios do Foro Galego de Cloud, xunto con outras empresas como Ozona, Citrix, Microsoft, NetApp, R e VMware.

PUBLICIDADE