O ZTE Axon 20 5G é o primeiro smartphone comercial que oculta a súa cámara frontal baixo a pantalla

mércores, 2 de setembro do 2020 Marcus Fernández

ZTE cumpriu a súa promesa de presentar o primeiro smartphone con cámara frontal oculta baixo a pantalla, o ZTE Axon 20 5G, dispositivo que polo momento está dispoñible para o mercado chinés, e que vén a ser un smartphone 5G na líña do Mi 10 Lite 5G ou do Realme X50 5G, dos que diferénciase principalmente na innovación da cámara frontal, o que permitiralle destacar nun mercado moi saturado.
Dende ZTE salientan que como fabricante destacado no mercado de smartphones quixeron ser innovadoras e xuntaron varias tecnoloxías como materiais especiais, chips de control dual, circuítos de control únicos, unha matriz de píxeles especial e uns algoritmos para o disparo de selfies propietarios, conseguindo así que a súa división de investigación e desenvolvemento fixese realidade un tipo de cámara frontal practicamente invisible, que de seguro van imitar outros fabricantes nos vindeiros meses.
O ZTE Axon 20 5G é un smartphone con pantalla OLED Full HD+ de 6,92 polgadas que agocha a mencionada cámara frontal, un lector de impresións dixitais e tamén un altofalante. Está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G (un dos máis empregados actualmente entre os smartphones 5G de gama media), 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno, cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, NFC e batería de 4.220 mAh con carga rápida de 30 watts, e pode mercarse en China a un prezo que parte dos 2.198 iens (271 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, e chega até os 2.798 iens (345 euros) para a versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno. Uns prezos moi axustados para dispositivos que incorporan unha funcionalidade innovadora, o que pode dar a entender que tal cámara frontal será algo bastante común nos vindeiros meses.

O ZTE Axon 20 5G chega ao mercado chinés nun rango de prezos que deixa claro que estamos ante un móbil de gama media

PUBLICIDADE