O Xiaomi TV Stick 4K achega a experiencia de Android TV por HDMI

venres, 17 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Para os usuarios que queren gozar dunha boa experiencia de Smart TV e non teñen un televisor moi recente, é unha boa opción facerse cun dispositivo externo para acceder aos principais servizos de vídeo baixo demanda, e para atender a esta demanda Xiaomi conta con varios trebellos (como o Mi TV Stick) aos que está a sumarse co Xiaomi TV Stick 4K, que aínda non saíu á venda en España.
O Xiaomi TV Stick 4K é un reprodutor de contidos en streaming baseado en Android TV 11 (ou sexa, que integra o asistente de Google, polo que tamén pode manexarse mediante ordes de voz a través do seu mando a distancia) capaz de mover vídeo 4K e con soporte de Dolby Atmos e Dolby Vision. Aínda que mantén os 8 GB de almacenamento do Mi TV Stick (empregados principalmente para a instalación de aplicacións), incrementa a súa RAM até os 2 GB, o que fai que o seu funcionamento sexa máis fluído, polo que pode ser interesante o seu uso incluso en televisores que non soporten 4K.
Aínda que o normal é empregar o Xiaomi TV Stick 4K para achegar contido dende as aplicacións que ten instaladas, tamén podemos empregalo como un receptor de Chromecast, de xeito que temos unha amplísima variedade de aplicacións móbiles que poden proxectar os seus contidos directamente ao televisor sen que teñan unha versión específica para Android TV.
O mando a distancia do Xiaomi TV Stick 4K comunícase mediante Bluetooth (polo que non hai que enfocalo con precisión cara a unha posición específica), inclúe micrófono, ten botóns de atallo para Netflix e Prime Video, e tamén conta con control de volume.
Haberá que ver a que prezo chega ao mercado o Xiaomi TV Stick 4K, que previsiblemente custará menos dos 69,99 euros do seu competidor directo, o Chromecast con Google TV, co que coincide en case todos os aspectos, e que para moitos é un produto máis atractivo por estar soportado directamente por Google.

PUBLICIDADE