O Xiaomi Mi Max 2 sorprende cunha batería de 5.300 mAh

xoves, 25 de maio do 2017 Marcus Fernández

Cando o ano pasado Xiaomi presentou o xigantesco Mi Max, un teléfono con pantalla de 6,44 polgadas, conseguiu conquistar unha grande posición no mercado, destacando tanto polo tamaño de pantalla do dispositivo como pola súa magnífica autonomía (grazas a integrar unha batería de 4.850 mAh) e agora queren repetir a xogada, e hoxe presentan o Mi Max 2, terminal que mantén a súa enorme pantalla de 6,44 polgadas, pero leva a súa batería incluso máis aló, até os 5.300 mAh, de aí que incluso ofreza a posibilidade de funcionar como batería externa para outros dispositivos.
O novo teléfono móbil de Xiaomi mellora o seu deseño para facilitar o seu uso cunha man, ten un corpo de metal unibody, goza de Quick Charge 3.0 (algo moi importante por mor da grande capacidade da súa batería), aproveita o seu tamaño para integrar altofalantes estéreo e incluso da un importante salto de calidade na súa cámara traseira, que integra un sensor Sony IMX386 de 12 Mpíxeles cun tamaño de píxel de 1,25 micrómetros, enfoque automático con detección de fase e incluso HDR durante a gravación de vídeo.
Este novo smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 625, 4 GB de RAM e venderase por 1.699 iuans (220 euros) con 64 GB de almacenamento e por 1.999 iuans (260 euros) con 128 GB de almacenamento. Tamén conta con lector de pegadas dixitais e emisor de infravermellos (para controlar televisores e sistemas de aire acondicionado).
Temos así un novo teléfono que probablemente teña unha magnífica aceptación entre usuarios que busquen boa autonomía e bo tamaño de pantalla, e que non lle resulte problemático ter que cargar cun dispositivo de grandes dimensións (de aí que boa parte dos esforzos de marketing da compañía chinesa vaian destinados a atraer ao público feminino).

O Mi Max 2 busca atraer ao público feminino, que ao non levar habitualmente o móbil no peto do pantalón non considera problemático o seu masivo tamaño

PUBLICIDADE