O XGN pechou coa participación de máis de 8.000 persoas

luns, 7 de maio do 2012 Raquel Noya

Máis que falar de party informática, este ano quedounos claro que de agora en diante debemos referirnos ao Xuventude Galicia Net como un encontro dixital, no que a Dirección Xeral de Xuventude fixo posible que nenos, adolescentes e maiores gozaran das máis variadas actividades lúdicas ao tempo que se formaran en eidos tan diversos como a ciencia, o emprendemento e, como non, as novas tecnoloxías.
Tal foi o éxito do XGN deste ano que, segundo nos fixo saber a entidade organizadora, entre o venres e o domingo pasaron polas súas instalacións “máis de 7.000 persoas”, cifra á que lle hai que sumar os máis de 1.000 mozos e mozas que se inscribiron como participantes na intranet.
Como viñemos presaxiando durante os días pasados, unha das iniciativas máis valoradas nesta edición foi o bloque temático dedicado ao emprendemento como saída fronte á crise, na que máis de 500 participantes axudaron a elixir os tres mellores proxectos, que foron defendidos ante un xurado cualificado durante a tarde de onte.
Tamén neste marco tivo lugar a mesa redonda sobre o emprendemento, que contou con profesionais do ámbito universitario e da empresa privada, e na que se debateron as vantaxes e situacións que han de ter en conta os mozos e mozas que se adianten no mundo empresarial cos seus propios negocios ou empresas.
Outra actividade que as persoas asistentes valoraron moi positivamente foi a sesión de networking, a cal, dun xeito pouco convencional e mediante a técnica de citas rápidas cronometradas, permitiulle participar directamente a moitas persoas.
No tocante aos relatorios, a organización tamén fai unha valoración “moi positiva” pois “contaron con moita asistencia de público este ano”, porén de ter que salientar algún da edición, o de Enrique Dans e Leopoldo Abadía “colgaron o cartel de aforo completo”, ao encher a sala habilitada para os seus relatorios, cunha capacidade para 1.500 persoas.
Dans, que concedeu unha entrevista ao programa Banda Ancha da Radio Galega, versou a súa charla no inminente cambio que as novas tecnoloxías van provocar nalgúns sectores da sociedade actual, e que a maioría de nós xa ten experimentado de primeira man.
A oferta formativa completouse con xornadas de hacking ético, reciclaxe, neuromarketing ou redes sociais, entre outras temáticas.

Éxito de asistencia á extranet


Con respecto á extranet desta 13º edición, onde tiveron lugar as actividades ao aire libre e no hall da entrada do Pazo de Congresos, converteuse nesta edición nun punto de encontro de pais e fillos, mozos e mozas e seareiros de distintas actividades como a maquillaxe e caracterización, os videoxogos, a saga Star Wars, os grafitis, a ciencia divertida, as artes marciais, as creacións Hamma Beads e CubeCraft... así como todo tipo de actividades en torno ás novas tecnoloxías.
Non faltaron os simuladores, por exemplo, de tiro, de golf ou de ski, nin as pantallas de televisión conectadas a consolas como a Wii ou a Xbox, que grazas ao xogo interactivo de Kinect, permitiulle a grandes e cativos experimentar coa tecnoloxía sen mandos.
As 72 horas que durou o evento tamén permitiron que as noites se dedicaran aos amantes do cine, na que houbo sesións dedicadas aos zombies e á saga Star Wars.

PUBLICIDADE