O WebTV de Blusens actualiza o seu firmware

luns, 18 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que Blusens xa conta no seu catálogo cun pequeno dispositivo que achega Android 4.0 ao televisor, iso non quere dicir que abandone o soporte dun dos seus produtos máis relevantes, os reprodutores multimedia WebTV e WebTV-Lite, que veñen de renovar o seu firmware á versión 9231, permitindo tal actualización unha serie de melloras no sistema de actualizacións, na interface de usuario e na reprodución multimedia, así como a incorporación de novas funcionalidades como o soporte de ficheiros ISO e a reprodución alpha de DVD, un novo sistema de busca de recursos en rede, reprodución de ligazóns https, soporte para o codec Xvid-ASAP, opción para facer seek fóra do buffer de descarga, entre outras.
Deste xeito, esta interesante solución que permite levar os contidos da Internet ao televisor, reproducir contidos multimedia en rede ou en unidades de memoria e discos duros e mesmo a recepción e gravación de TDT de alta definición (no modelo non lite) continúa a pórse ao día para que os seus usuarios actuais vexa como non queda obsoleta como outros produtos que hai no mercado.
Nos vindeiros días no foro de desenvolvedores de Blusens darán detalles sobre as melloras que achega a nova actualización á API do WebTV.

Menú do WebTV da galega Blusens

PUBLICIDADE