O Vodafone 858 Smart permite aos usuarios de prepagamento gozar de Android 2.2

xoves, 23 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Ter un móbil con Android xa non é exclusiva dos usuarios con liñas de contrato e elevados consumos mensuais, e grazas á emerxencia de moitos terminais de gama media, chega agora o Vodafone 858 Smart, móbil que Vodafone vende por 69 euros en prepagamento coa Tarifa XS8, que permite falar por 8 céntimos/minuto, mandar mensaxes a 8 céntimos durante os 30 días seguintes a unha recarga de 10 ou máis euros (prezos sempre sen IVE) ou a 15 céntimos/minuto e 15 céntimos a mensaxe en caso contrario. Para as conexións de datos pode empregarse só o Wi-Fi ou por 3G pagando 0,50 euros/día (ata 20 Mb de transferencia/dia).
O Vodafone 858 Smart ten unha pantalla táctil capacitiva de 2,8 polgadas cunha resolución de 240 x 320 píxeles, cámara de 2 Mpíxeles, Wi-Fi, Bluetooth, USB, 120 Mb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb (inclúe unha de 2 Gb), radio FM, unha autonomía de 4,5 horas en chamada e 380 horas en espera, unhas medidas de 103,8 x 56,8 x 12,6 milímetros e un peso de 100 gramos. Estaríamos así ante un dispositivo coas prestacións dos primeiros móbiles con Android (só que conta coa versión 2.2 do sistema operativo promovido por Google), que por un prezo asumible facilitaría as posibilidades avanzadas como o acceso ao correo electrónico, ás redes sociais e á reprodución multimedia.

PUBLICIDADE