O USB sen fíos convértese nunha realidade con seis produtos oficialmente aprobados

venres, 27 de xullo do 2007 Matías Olazabal

Hai un par de días, seis novos produtos obtiveron a aprobación da certificación oficial do Certified Wireless USB, inaugurando deste xeito unha nova xeración de periféricos sen fíos, que segundo os expertos, podería desbancar ó Bluetooth (sobre todo pola súa velocidade), á vez que substituír ó USB tradicional.
A nova tecnoloxía “preservará a funcionalidade” do devandito estándar, e, segundo os seus responsables, “cubrirá os requirimentos de todos os periféricos e dispositivos electrónicos e móbiles”.
Entre os novos produtos que contan co visto bo do Foro de Implementación do USB (USB Implementers Forum) atópanse o DUB 2240, un hub fabricado por D-LINK que permite a conexión de até catro dispositivos USB, e que, xunto co adaptador DUB1210 -que fai de emisor e receptor do mesmo-, foron os primeiros produtos en obter a dita certificación. Ademais destes dous desenvolvementos, os fabricantes de D-LINK completan a súa oferta co D-link DUB 9240, unha completa solución que achega tanto o adaptador coma o hub de catro portos nun mesmo paquete.
Estes novos sistemas de conexión permiten até unha velocidade de transferencia de datos de 480Mb/seg, dentro dun radio de tres metros. No caso de que o porto e o adaptador hub estiveran afastados por máis de tres metros -e até un máximo de dez-, a velocidade roldaría os 110Mb/seg, e dependería ademais da distancia dos “obstáculos” que poderían atoparse entre conector e porto.
Lenovo, Dell, e IOGEAR tamén acadan o aprobado
Non só os devanditos produtos cumpriron co todos os requisitos precisos para obter a certificación e chegar ó mercado. Lenovo, Dell e IOGEAR súmanse tamén a listaxe dos primeiros desenvolvementos de USB sen fíos que poderían chegar axiña a milleiros de fogares e oficinas. O portátil Dell’s Inspiron 1720 e o Lenovo Thinkpad T61 tamén contarán co esta revolucionaria tecnoloxía en breve, ó igual cós adaptadores de IOGEAR; o Wireless USB HUB e o seu adaptador, de características semellantes ó que ofrece Dlink, e que sairán en breve á venda.

PUBLICIDADE