O SuperPaquito quere establecerse no escritorio grazas a unha funda con teclado

luns, 6 de maio do 2013 Marcus Fernández

O tablet para uso infantil de Imaginarium, SuperPaquito, que funciona cunha versión personalizada de Android 4.1 para que sexa doada de utilizar polos máis cativos, está de promoción ata o vindeiro día 13, ofrecendo polo seu prezo habitual (249 euros) unha funda con teclado que busca así dotalo dalgunha prestacións máis propias dun ordenador portátil, e que tamén pode mercarse por separada a un prezo de 25 euros.
Para contribuír ao uso do SuperPaquito no escritorio, dende Imaginarium presentaron nos últimos días Workstation, que é como chaman á combinación da nova funda con teclado coas aplicacións Mis Apuntes, Tapwriter e Movement, que queren axudar aos cativos a estudar e aprender dentro e fóra da aula.
SuperPaquito tamén integra aplicacións para o uso do correo electrónico, para unha navegación segura pola web, para organizar a axenda, para rexistrar os progresos do cativo, para xestionar a fotografías almacenadas e para visualizar vídeos, así como distintas ferramentas educativas (dirixidas traballar a ortografía, as matemáticas, a lóxica, a historia, a música e a linguaxe) e de lecer (xogos, quebracabezas, debuxo, lectura...).
De todos os xeitos cómpre indicar que as prestacións deste tablet parecen estar moi por debaixo da media no seu rango de prezo, pois o SuperPaquito funciona cun procesador ARM Cortex A8 a 1 GHz, 1 Ghz de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, pantalla de 9,7 polgadas e cámaras de 2 e 3 Mpíxeles.

PUBLICIDADE