O Sony Xperia 1 V estrea o sensor Exmor T para móbiles
xoves, 11 de maio do 2023
Sony presentou
hoxe o seu novo móbil insignia, o Sony Xperia 1 V,
que presume de ser o primeiro smartphone equipado co sensor de imaxe CMOS apiado
con dobre capa de transistores de píxeles, e que fai uso da tecnoloxía punta da
compañía nipoa para satisfacer as necesidades dos creadores de contido máis
avanzados.
O Sony Xperia 1 V ten o mencionado sensor CMOS apiado con dobra capa de transistores
de píxeles no obxectivo traseiro principal que dan en chamar Exmor T para
móbiles, e que ten unha distancia focal de 24 milímetros e un tamaño 1,7
veces superior a anteriores sensores de imaxe (conseguindo un rango dinámico
equivalente ao dunha cámara full frame). Acompañan a este sensor traseiro
un grande angular de 16 milímetros e un teleobxectivo cun zoom óptico variable
de 85-125 milímetros (con apertura entre F2.3 e F.2.8).
Atendendo a demanda de certos creadores, o novo teléfono tamén coidou as súas
funcionalidades para os videoblogs, contando cun novo micrófono para a voz na
parte traseira (facilitando a captación da voz do creador) e tamén conta cun
modo para retransmitir vídeo en directo a través de YouTube na que podemos ver
en pantalla os comentarios en tempo real.
Este atractivo móbil conta cunha impresionante pantalla OLED 4K de 6,5 polgadas
cunha velocidade de refresco de 120 Hz, coida especialmente o apartado sonoro
tanto en gravación como en reprodución e funciona cun procesador Qualcomm
Snapdragon 8 Gen 2, de xeito que tamén aproveita ao máximo a súa xenerosa
batería de 5.000 mAh para conseguir unha grande autonomía (pode reproducir de
xeito continuo até 20 horas de vídeo).
Este móbil tan orientado para creadores de contido chegará
ao mercado a finais de xuño a un prezo recomendado de 1.399 euros.
Vídeo promocional do Sony Xperia 1 V