O Sansa TakeTV achega os vídeos descargados da Internet ós televisores domésticos

luns, 22 de outubro do 2007 Marcus Fernández

SanDisk quere achegar un novo xeito de levar os vídeos descargados da Internet ós televisores domésticos, polo que estreou o seu Sansa TakeTV, que é unha memoria USB de 4 ou 8 Gb na que se poden gravar ficheiros en formatos DivX, Xvid e MPEG-4 a unha resolución máxima de 720 x 576 píxeles para logo conectala a un pequeno soporte que se conecta ó televisor mediante RCA e S-Video (compatible tanto con PAL coma con NTSC, así como cos formatos 4:3 e 16:9). Tamén conta cun pequeno mando a distancia.
Esta solución supón así un novo método de levar contidos de vídeo ós salóns das nosas casas, evitando o proceso de gravación en DVD ou noutros soportes do material que se queira ver unha única vez, e que tamén se complementará cunha tenda de vídeos en liña (xa que o TakeTV soporta tamén DivX con DRM).
Os prezos de venda deste novo dispositivo serán de 99,99 e 149,99 dólares para os modelos de 4 e 8 Gb respectivamente.

PUBLICIDADE