O Samsung Gear S2 chegará a España o venres

martes, 20 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O novo smartwatch de Samsung presentouse antes os medios esta mañá na Coruña

Tras iniciar o mes de setembro presentando o smartwatch Samsung Gear S2, a compañía surcoreana prepara a súa comercialización en España, que principiará o vindeiro venres, achegando así unha mostra máis da tecnoloxía wearable que xorde como resultado de anos de innovación continua para ofrecer unha mellor experiencia aos usuarios e, especialmente, converterse nun elemento de expresión persoal como un complemento de moda, en vez dun dispositivo puramente electrónico.
O Samsung Gear S2 conta cun deseño circular versátil, que permítelle facerse pasar por un reloxo de pulso tradicional, pero abrindo numerosas posibilidades e conseguindo incluso superar a outros smartwatches do mercado ao innovar no seu sistema de control que, aparte da súa pantalla táctil, tamén conta con botóns de Inicio e Atrás e un bisel xiratorio ao redor da súa esfera (que achega unha maior comodidade e precisión á hora de moverse polos menús e os contidos que se amosan na pantalla do reloxo á vez que evita que os dedos dificulten a súa visión).

Dous modelos diferentes

Atendendo ás diferentes demandas de deseño e estética, Samsung comercializará o reloxo en dous modelos distintos: o Gear S2, que venderase a 349 euros e poderase mercar en cor branca ou negra con correa de goma; mentres que o Gear S2 classic, cun prezo lixeiramente superior (379 euros) ofrecerá un acabado moito máis elegante, cunha caixa negra e unha correa de coiro (que pode substituírse por correas de reloxo estándar).

Tizen como alternativa a Android Wear

Curiosamente estamos ante un smartwatch que, en vez de funcionar con Android Wear, opera con Tizen, xa que Samsung entendeu que a plataforma wearable de Google non estaba o suficientemente madura, pero en calquera xeito estamos ante un dispositivo pensado principalmente en complementar smartphones con Android. O reloxo funciona como un monitor de actividade (integrándose na cada vez máis completa plataforma S Health), pero conta con moitas máis prestacións grazas a distintas aplicacións, de xeito que facilita o acceso ás tendencias en Twitter, á mensaxería de LINE, ás críticas de establecementos de hostalería, ao control domótico e moitos outros servizos, aínda que de xeito xeral serve para recibir e interactuar coas notificacións do móbil (aínda que non estivesen adaptadas a wearables) e tamén pode aproveitarse como reprodutor musical (funcionando como mando a distancia do smartphone ou reproducindo música almacenada na súa memoria interna de 4 GB).

Especificacións técnicas superiores

Para poder gozar de todas estas prestacións o Samsung Gear S2 conta cun procesador Exynos 3250, 512 MB de RAM, pantalla circular sAMOLED de 1,2 polgadas e 360 x 360 píxeles, resistencia á auga IP68, Bluetooth 4.1, Wi-Fi, NFC (de xeito que tamén facilitará a realización de pagamentos co móbil) e unha batería de 250 mAh (que permitiríalle funcionar 2-3 días e que pode recargarse mediante unha cómoda base magnética incluída co reloxo).
Aínda que en Corea do Sur o reloxo conta cunha variante que inclúe conectividade 3G facendo uso da primeira e-SIM con capacidades de voz, dado que esta tecnoloxía non está dispoñible por parte de ningún operador español, a versión máis rechamante do Gear S2 non estará dispoñible no noso territorio.

O bisel do Gear S2 pode xirarse para moverse polos menús do smartwatch

Vídeo no que explican como configurar e usar o Gear S2

PUBLICIDADE