O Samsung Galaxy Z Fold2 contará cunha pantalla exterior de 6,2 polgadas

venres, 7 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Esta semana Samsung presentou os seus smartphones Galaxy Note20, os auriculares Galaxy Buds Live, o reloxo Galaxy Watch3 e incluso tabletas Galaxy Tab S7, produtos que chegarán ao mercado este mesmo mes, e que presentáronse xunto con outro produto moi agradado, o smartphone encartable Galaxy Z Fold2, do que aínda non se coñecen detalles como a data de lanzamento e o prezo.
Estamos ante o terceiro smartphone encartable de Samsung, avanzando cada vez máis cara a madurez nunha categoría de dispositivo na que a compañía surcoreana practicamente carece de competencia (existe un encartable de Huawei que case podemos considerar fóra do mercado e tamén un encartable de Motorola que pese a captar moitas miradas parece ter quedado nunha simple anécdota pola súa cuestionable calidade).
Nesta revisión do Galaxy Fold temos un produto que parece dirixido a corrixir as carencias antes presentes, de xeito que cando está encartado xa non ten unha pantalla exterior pouco práctica polo seu tamaño, senón que agora conta cunha pantalla Infinity-O de 6,2 polgadas cando está pechado, e unha pantalla principal de 7,6 polgadas cando está aberto, que grazas a unha redución de marcos consegue que ambas pantallas sexan maiores que no modelo anterior.
O Galaxy Z Fold2 pretende combinar un smartphone e unha tableta nun único dispositivo, ofrecendo desta volta unha pantalla principal fabricada cun cristal ultrafino que permite unha flexibilidade sen igual, a súa bisagra oculta conta cun innovador sistema de articulación que permite un movemento de apertura suave á vez que protexe o mecanismo da entrada de partículas que poidan estragalo, e incluso está equipado con cinco cámaras: unha cámara traseira tripla semellante á do Galaxy Note20 (cun sensor principal de 64 Mpíxeles) e cámaras frontais de 10 Mpíxeles en ambas pantallas (de xeito que resulta práctico para selfies e videoconferencias).
Este potente smartphone encartable estará equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 865+, 12 GB de RAM, 512 GB de almacenamento interno, batería de 4.356 mAh con carga rápida de 15 watts (con cable e sen fíos, así como con carga inversa), lector lateral de impresións dixitais, son estéreo AKG, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.0, NFC e conectividade 5G, polo que sería un dos smartphones máis interesantes do mercado, aínda que queda un chanzo por debaixo do impresionante Samsung Galaxy Note20 Ultra (principalmente pola incorporación do S Pen, accesorio que cando poida funcionar nun smartphone encartable podería supor a revolución que esta gama de produtos precisa).

PUBLICIDADE