O Samsung Galaxy XCover Pro sorprende por contar con batería extraíble

mércores, 8 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Este ano Samsung presentou varios móbiles no CES de Las Vegas, sorprendendo bastante a presenza do Galaxy XCover Pro, un smartphone impermeable e a proba de choque de acordo coas normas IP69 e MILSTD 810G (capaz de soportar caídas a unha altura de 1,5 metros), que busca ser práctico para comerciais (ten soporte mPOS para a xestión de pagamentos e escáneres de códigos de barras), e que, como elemento máis curioso tería que a súa batería de 4.050 mAh é extraíble, algo que había anos que non viamos nun smartphone dun grande fabricante.
O Galaxy XCover Pro tamén ten un par de botóns programables para, por exemplo, acender a lanterna ou crear mensaxes de texto falando. Tamén está deseñado para funcionar en condicións frías e húmidas con Wet Touch e Modo Luva, para aumentar a sensibilidade da pantalla.
Este smartphone con pantalla de 6,3 polgadas, procesador de 8 núcleos, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 512 GB), lector de pegadas dixitais e cámara traseira dual sairá á venda en Finlandia o vindeiro día 31 a un prezo de 499 euros, descoñecéndose os plans de comercialización no resto do mundo.

PUBLICIDADE