O Samsung Galaxy S20 FE destaca polas súas cores

mércores, 23 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Samsung presentou hoxe o seu novo smartphone Galaxy S20 Fan Edition (FE), que vén a ser unha revisión dos Galaxy S20 procurando un prezo accesible, de xeito que este completo teléfono chega cunha cámara traseira tripla de grande calidade e carcasas en cores vibrantes por 659 euros, o que supón un importante aforro fronte aos seus irmáns maiores.
O Samsung Galaxy S20 FE presume dunha pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,5 polgadas con HDR10+ e unha velocidade de refresco de 120 Hz que integra nunha perforación superior central unha cámara de 32 Mpíxeles e baixo a propia pantalla un sensor de impresións dixitais. Funciona cun procesador de 8 núcleos, 8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 1 TB de capacidade), cámara traseira tripla con sensores grande angular e principal de 12 Mpíxeles e teleobxetivo de 8 Mpíxeles que quere destacar co seu space zoom (un zoom óptico de 3 aumentos que pode converterse até un zoom híbrido de 30x).batería de 4.500 mAh con carga rápida e carga sen fíos, Bluetooth 5.0, NFC, altofalantes estéreo e resistencia IP68.
Sairá á venda o 2 de outubro a un prezo de 659 euros na súa versión con 4G e 128 GB de almacenamento, e de 729 euros para a súa versión con 256 GB de capacidade, podendo ambos atoparse nunha versión 5G por 100 euros adicionais. Podemos ver así a este móbil como un chanzo intermedio entre o Galaxy S20 e o S20+, que na súa versión 5G destaca por contar cun procesador Qualcomm Snapdragon 865, de xeito que podería ser o membro da familia S20 máis desexado para moitos usuarios críticos con que Samsung en Europa equipe habitualmente os seus móbiles de gama alta con procesadores Exynos (actualmente menos potentes que os equivalentes de Qualcomm).

Vídeo promocional do Samsung Galaxy S20 Fan Edition

PUBLICIDADE