O Samsung Galaxy Note9 preséntase como o smartphone máis completo do mercado
xoves, 9 de agosto do 2018
Samsung aproveitou a data do 9 de agosto para presentar o novo Galaxy Note9,
renovación do seu smartphone de alta gama con lapis dixitalizador, que incorpora
as últimas innovacións da compañía surcoreana e convértese no smartphone máis
completo do mercado.
Un dos principais puntos fortes do Galaxy Note9 é a incorporación dunha batería
de 4.000 mAh, considerablemente superior ao modelo anterior (con 3.300 mAh de
capacidade), para así garantir que os seus usuarios poden rematar o día con
carga pese a facer un uso intensivo do terminal; a súa capacidade de
almacenamento medra para permitir elixir entre 128 e 512 GB ampliables mediante
tarxetas de até 512 GB (de xeito que pode sumar até 1 TB de almacenamento); o
seu potente procesador non só permite un extraordinario rendemento, senón que
tamén facilita as conexións de banda larga máis rápidas do mercado (até 1,2
Gbps) e incluso integra un novo sistema de refrixeración de auga e carbono que
permite que o sistema Samsung DeX poida empregarse sen unha base con
refrixeración como no modelo anterior (valéndose só dun cable adaptador de
USB-C a HDMI).
O S Pen, o accesorio máis característico da gama Note, incorpora por primeira
vez Bluetooth, de xeito que xa non só funciona como lapis dixitalizador, senón
que tamén pode aproveitarse o seu botón a xeito de mando a distancia, para así
poder disparar fotografías, pausar a reprodución de vídeo ou pasar transparencias
dunha presentación.
As cámaras do Note9 melloraron, non só adoptando un obxectivo de apertura
variable na súa cámara principal traseira na liña dos Galaxy S9, senón que
tamén integra tecnoloxías para disparar mellores instantáneas con funcións como
un optimizador de escenas (que identifica elementos dunha fotografía para poder
clasificar o tipo de escena en 20 categorías e así poder aplicar as pertinentes
optimizacións) e un sistema de detección de fallos (que avisa cando unha foto
sae desenfocada ou as persoas retratadas pestanexan) para permitir así disparar
outra fotografía e non perder así o momento que se quere conservar.
O Samsung Galaxy Note9 tamén incrementa a súa pantalla de tamaño lixeiramente,
quedando en 6,4 polgadas cunha resolución de 2.960 x 1.440 píxeles, e entre as
súas prestacións non esquece lector de pegadas dixitais, escáner de iris,
recoñecemento facial, NFC, Bluetooth 5.0, carga rápida (por USB-C e sen fíos) e
incluso ten modelo con dobre SIM (aínda que con distribución limitada).
O Note9 xa pode
reservarse, para a súa recepción a partires do 24 de agosto, cun prezo de
1.008,99 euros para a súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento
interno, mentres que o modelo con 8 GB de RAM e 512 GB de capacidade ten un
prezo oficial de 1.259,01 euros. Inicialmente está dispoñible en cor púrpura,
negra e azul, aínda que esta última variante (cun S Pen amarelo) só está dispoñible
no modelo con 512 GB de almacenamento.
Vídeo de presentación do Samsung Galaxy Note9