O Samsung Galaxy Note9 poderá correr con Linux

venres, 9 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Dende os Samsung Galaxy S8 e S8+ temos a posibilidade de empregar un accesorio chamado Samsung DeX con smartphones de alta gama da marca surcoreana, de xeito que podemos conectalos a unha pantalla externa para que funcionen dun xeito semellante a un ordenador persoal con Android. Pero aínda que en Android podemos gozar de aplicacións como a suite ofimática de Microsoft e moitas outras, continuamos sen ter o que moitos consideran que sería unha experiencia completa dun ordenador persoal, de aí que estean a desenvolver en colaboración con Canonical unha versión de Ubuntu 16.04 que en breve iniciará a súa fase de probas para o Samsung Note9 e a tableta Samsung Tab S4.
Os interesados en probar Linux on DeX poden rexistrarse no programa de probas, de xeito que en breve recibirán unha ligazón para descargar o instalador de Linux para o seu dispositivo móbil, para logo poder gozar dun contorno Linux real baixo Samsung DeX. Esta versión de Linux permitiranos usar o terminal do sistema operativo e estaría pensada especialmente para desenvolvedores, que poderán así manter o seu código en repositorios Git, administrar e monitorizar os seus servidores e incluso crear proxectos en C, C++ e Java empregando o seu IDE favorito.

PUBLICIDADE