O Samsung Galaxy Note20 leva a produtividade a un novo nivel
xoves, 6 de agosto do 2020
Samsung presentou toda unha serie de dispositivos que poden
potenciar tanto o traballo como o lecer, contribuíndo a conformar todo un
ecosistema de produtos da familia Galaxy, de xeito que os smartphones e as
tabletas de Samsung poden completarse con distintos accesorios que facilitan a
integración da tecnoloxía no noso día a día.
O produto estrela presentado por Samsung é o Galaxy Note20,
que para moitos é o mellor smartphone de cara á produtividade (principalmente
pola incorporación do S Pen que permite realizar anotacións en pantalla, controlar
de xeito preciso moitas aplicacións e incluso realizar funcións avanzadas con
simples xestos) e que desta volta conta cunha versión Ultra para usuarios máis
esixentes. Para a produtividade tamén pode resultar moi práctico o uso de
Samsung DeX, xa que pode conectarse o móbil a unha pantalla externa para empregalo
coma se fose un equipo informático completo, e como novidade desta nova versión
temos tamén a posibilidade de proxectar o escritorio sen fíos nun Smart TV, o
que incluso podería aproveitarse para enviar mensaxes de texto ou ler
comentarios mentres se xoga en liña ou se comparte un vídeo.
De cara ao lecer, nesta ocasión Samsung quixo destacar que o Note20 é un dispositivo
ideal para tirar proveito do xogo na nube de Xbox Game Pass Ultimate, servizo
para o que ofrecen 3 meses de proba, e que permite gozar de xogos de Xbox One
na pantalla do móbil.
O Galaxy Note20 ten unha pantalla Full HD+ Super AMOLED Plus de 6,7 polgadas
con certificación HDR10+, mentres que o Galaxy Note20 Ultra leva a súa pantalla
Dynamic AMOLED 2X até as 6,9 polgadas, aproveitando este cambio de tecnoloxía
para contar con resolución Quad HD+ e velocidade de refresco de 120 Hz,
converténdose probablemente na pantalla de máis calidade do mercado. Ambos
modelos contan cunha cámara frontal de 10 Mpíxeles, mentres que nas cámaras
traseiras triplas destacan polos seus grandes sensores. No Galaxy Note20
teriamos sensores grande angular e ultra grande angular de 12 Mpíxeles e un
teleobxectivo de 64 Mpíxeles, conseguindo un zoom híbrido óptico de 3x e un
zoom dixital de até 30x; mentres que o Galaxy Note20 Ultra opta por sensores ultra
grande angular e teleobxectivo de 12 Mpíxeles e un sensor principal de 108
Mpíxeles, conseguindo un zoom óptico de 5x e un zoom dixital de até 50x. O
modelo normal tamén está equipado con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento
interno, mentres que o Ultra conta con 12 GB de RAM e 256/512 GB de
almacenamento interno.
Para conseguir autonomía dabondo para un día completo o Galaxy Note20 conta
cunha batería de 4.300 mAh con carga rápida por cable e sen fíos, así como
carga inversa, mentres que o Galaxy Note20 Ultra chega até os 4.500 mAh.
O Galaxy Note20 pode xa reservarse por 959 euros no seu modelo 4G con 256 GB de
almacenamento, incrementando o seu prezo en 100 euros para o modelo 5G; mentres
que o Galaxy Note20 Ultra custa 1.309 euros no seu modelo con 5G e 256 GB de
almacenamento, incrementando o seu prezo en 100 euros se queremos gozar de 512
GB de almacenamento interno.
Vídeo promocional do Samsung Galaxy Note20