O Samsung Galaxy M52 5G contará con pantalla a 120 Hz e boa autonomía

venres, 24 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Samsung continúa a ampliar o seu catálogo de móbiles de gama media con boa material, e incluso aposta por introducirlles conectividade 5G para estar preparados para a conectividade que promete ter un importante pulo nos vindeiros meses, e así temos o Galaxy M52 5G, terminal dos que aínda non sabemos o prezo que terá en España, pero do que xa está confirmada a súa comercialización no noso territorio.
O Galaxy M52 5G funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 778G, 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 1 TB) e conta cunha pantalla Full HD+ Super AMOLED+ de 6,7 polgadas até a 120 Hz con perforación central superior para unha cámara frontal de 32 Mpíxeles, mentres que a súa cámara traseira tripla ten sensores de 64, 12 e 5 Mpíxeles (na cámara principal, na ultra grande angular e na macro respectivamente) e permite a gravación de vídeo en 4K a 30 imaxes por segundo ou en HD a 240 imaxes por segundo.
Conta cunha xenerosa batería de 5.000 mAh con carga rápida de 25 watts (aínda que o cargador venderase por separado), e curiosamente a súa autonomía non afecta negativamente o seu deseño, xa que consegue manter un grosor de 7,4 milímetros (algo pouco habitual na familia Galaxy M) e un peso de 173 gramos.
Tamén é compatible con son envolvente Dolby Atmos para auriculares, ten lector de impresións dixitais no laterial, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.0, NFC e dobre nanoSIM, polo que estamos ante un smartphone moi completo que probablemente chegue a un prezo contido, para captar a consumidores que queiran dar o salto á 5G.

PUBLICIDADE