O Samsung Galaxy M51 ten unha batería de 7.000 mAh

luns, 31 de agosto do 2020 Marcus Fernández

A familia de móbiles Galaxy M destaca historicamente polas súas xenerosas baterías, e o Samsung Galaxy M51 leva esta prestacións a un novo nivel, xa que este smartphone que vén de facerse oficial en Alemaña conta cunha batería de 7.000 mAh, capacidade máis propia dunha tableta que dun teléfono, que vén acompañada por unha moi necesaria carga rápida de 25 watts (para evitar que se eternice a carga dunha batería tan grande).
Aínda que outros móbiles que hai no mercado con baterías xenerosas teñen a ter deseños espartanos, no Galaxy M51 atopamos un smartphone acorde coa súa familia, cunha pantalla Super AMOLED Plus de 6,7 polgadas cun orificio superior central que agocha unha cámara frontal de 32 Mpíxeles con enfoque en vivo (ou sexa, que permite comprobar o efecto de desenfoque de fondo en tempo real), sitúa o seu lector de impresións dixitais nun lateral e coida especialmente a súa cámara traseira cuádrupla, equipada cun sensor principal de 64 Mpíxeles, un grande angular de 123 graos e 12 Mpíxeles, unha cámara de profundidade de 5 Mpíxeles e un macro de 5 Mpíxeles.
Aínda que non esteamos ante un móbil de grandes prestacións, a súa configuración é máis que dabondo para a grande maioría de usuarios, cun procesador de 8 núcleos, 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB). O seu prezo de lanzamento en Alemaña é de 360,01 euros.

PUBLICIDADE