O Samsung Galaxy A7 contará con cámara traseira tripla

xoves, 20 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Para poder suplir as limitacións propias do tamaño do sensor das cámaras nos smartphones xurdiron as cámaras duais, pero esta tendencia pode forzarse, e así temos que o Galaxy A7 de Samsung terá unha cámara traseira tripla, o que abre novas posibilidades a este terminal de gama media.
Por unha banda o Galaxy A7 ten unha cámara de 8 Mpíxeles cun obxectivo grande angular de 120 graos, o que consideran que é o mesmo ángulo de visión que o ollo humano, facilitando así que poidamos tirar fotografías sen que se nos escape nada. Cando buscamos definición temos unha cámara de 24 Mpíxeles (con apertura f/1.7), que co apoio da cámara de profundidade consegue fermosos retratos empregando o desenfoque de fondo, aínda que a súa elevada resolución tamén pode aproveitarse para combinar 4 píxeles en 1, para poder xerar fotografías máis claras en contornos de baixa luminosidade. A todo isto súmaselle un optimizador de escenas intelixente, que realiza unha serie de axustes de color, contraste e brillo para conseguir imaxes óptimas ao instante.
Este novo móbil tampouco esquece os autorretratos, e a súa cámara frontal conta cun sensor de 24 Mpíxeles (con apertura f/2.0) e un flash LED axustable, sendo tamén capaz de desenfocar o fondo nos selfies e aplicar distintos filtros.
O Galaxy A7 conta cunha pantalla Super AMOLED de 6 polgadas cunha resolución de 2.220 x 1.080 píxeles, procesador de 8 núcleos a 2,2 GHz, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB, NFC, lector de pegadas dixitais lateral, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e batería de 3.300 mAh, que tamén presume de son inmersivo Dolby Atmos e carcasas en cores rechamantes (azul, negro, dourado ou rosa). Esta prevista a súa chegada ao mercado o vindeiro 11 de outubro.

PUBLICIDADE