O Samsung Galaxy A23 5G ofrece boas prestacións sen superar a barreira dos 300 euros

venres, 16 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Samsung anuncia hoxe a dispoñibilidade en España do novo smartphone Galaxy A23 5G en capacidades de 64 e 128 GB a prezos de 269 e 299 euros respectivamente, buscando así chegar a un amplo público que busque un teléfono completo con 5G e non queira realizar un grande desembolso económico.
Este smartphone conta cun procesador Qualcomm Snapdragon 695 5G, de xeito que presenta un desempeño máis que dabondo para gozar de contidos multimedia e videoxogos; presenta unha pantalla Full HD+ de 6,6 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e cunha pestana central con forma de V que acolle unha cámara frontal de 8 Mpíxeles, mentres que na traseira alberga unha cámara cuádrupla cun sensor principal de 50 Mpíxeles; permite ampliar o seu almacenamento interno mediante tarxetas microSD de até 1 TB; e tamén conta cunha boa autonomía grazas á súa batería de 5.000 mAh con carga rápida de 25 watts.
Tamén podemos destacar que conta con dobre SIM, soporta todas as frecuencias da 5G do noso territorio (incluíndo a emerxente banda dos 700 MHz), ten NFC, pode desbloquearse co lector de impresións dixitais integrado no botón de acendido, e tamén conta con Bluetooth 5.1 e toma para auriculares (soportando incluso Dolby Atmos). Un smartphone de gama media chamado a ter unha grande presencia comercial, especialmente de cara aos usuarios que queren adquirir un móbil a un prezo contido sen ter que recorrer a marcas chinesas.

PUBLICIDADE