O Samsung GALAXY Tab 2 (7.0) funcionará con Android 4.0

luns, 13 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Samsung presentou hoxe no Reino Unido o que será o seu primeiro tablet con Android 4.0, o GALAXY Tab 2 (7.0), que este mes chegará ao mercado británico para lanzarse ao resto do mundo a partir do mes que vén tanto nunha versión Wi-Fi coma nunha con conectividade 3G (HSPA+ de ata 21 Mbps).
O novo dispositivo conta cunha pantalla táctil TFT de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 8/16/32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), cámara traseira de 3 Mpíxeles e outra frontal para vídeoconferencia (con resolución VGA), A-GPS (na versión 3G), Bluetooth 3.0, USB 2.0, Wi-Fi N (con Wi-Fi Direct), batería de 4.000 mAh, unhas medidas de 193,7 x 122,4 x 10,5 e un peso de só 344 gramos.
Este tablet non só funcionará con Android 4.0, senón que tamén incorporará a capa gráfica Touchwiz e acceso aos servizos multimedia Samsung Hub dende os que, por exemplo, están dispoñibles unha tenda de música con 17 millóns de cancións, 2,3 millóns de libros electrónicos, 3.500 revistas e máis de 2.000 xornais en 51 idiomas, así como máis dun milleiro de películas para mercar ou alugar, trailers cinematográficos e incluso videoxogos.

PUBLICIDADE