O Samsung ATIV Tab 3 aparece en Amazon.com

martes, 6 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Cando en xuño Samsung amosou varios produtos da familia ATIV que veremos no mercado nos vindeiros meses, deixou no caixón informacións tan importantes como o prezo e a data de lanzamento dos distintos dispositivos, e o que era o tablet máis económico con Windows 8 que amosaron no evento parece estar a piques de ver a luz, pois o Samsung ATIV Tab 3 vén de aparecer na tenda en liña de Amazon para a súa pre-reserva a un prezo de 559,99 dólares (422,54 euros) e cunha data de estrea fixada no vindeiro día 25.
Estamos ante un tablet con pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, que ao operar cun procesador Intel Atom Z670 de dobre núcleo a 1,8 GHz é capaz de correr unha versión completa de Windows 8 (en vez de empregar o Windows RT como fan outros dispositivos semellantes, como o Surface RT, co que hai unha diferenza de prezo moi cativa para tal abismal diferenza de prestacións), con 2 Gb de RAM, 64 Gb de almacenamento interno, Wi-Fi N e USB 2.0, que pode ser unha boa opción para quen precise das prestacións dun ordenador completo, pero que queira gozar tamén da portabailidade dun tablet (só pesa 580 gramos). Tamén inclúe unha stylus para facilitar a realización de anotacións en pantalla ou un control máis preciso en mobilidade.

O tablet con Windows 8 inclúe stylus

PUBLICIDADE