O Samsung 245T permite repartir a pantalla entre dúas fontes de vídeo

martes, 9 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A incorporación de imaxes de varias fontes de vídeo (Picture-in-Picture) é unha característica habitual en moitos televisores de alta gama, pero Samsung pensou en incorporala ó seu monitor 245T, de xeito que permite empregar unha composición en pantalla partida (split-screen) valéndose da súa alta definición. Así, é posible dividir a imaxe en dúas, amosando por unha banda os contidos do ordenador e, na outra metade, unha fonte de vídeo externa coma podería ser un DVD, unha consola de videoxogos ou sinal televisivo, polo que fai posible traballar no equipo informático mentres se agarda ó noso programa de televisión favorito.
O Samsung 245T ten unha diagonal de 24 polgadas, conta con entrada HDMI integrada (sen esquecer entradas de compoñentes, S-Video e VGA), ten un contraste dinámico de 1.500:1 e un tempo de resposta de 6 ms. o que o converte nun dispositivo apto para ver películas en alta definición ou usar as consolas de videoxogos de última xeración. Inclúe uns altofalantes de 2 W e polo momento só se venderá en Corea do Sur, descoñecéndose cando chegará este revolucionario dispositivo ó resto do mundo.

PUBLICIDADE