O Redmi Note 8T incluirá cámara cuádrupla e NFC

mércores, 6 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Esta mañá Xiaomi presentou en Madrid un novo smartphone de gama media que busca converterse no supervendas dos vindeiros meses polo seu grande equilibrio entre prestacións e prezo, o Redmi Note 8T, que chegará cun procesador Qualcomm Snapdragon 665, até 4 GB de RAM, até 128 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD+ de 6,3 polgadas, protección Corning Gorilla Glass 5 por diante e por detrás, protección contra salpicaduras, conector de auriculares, boas cámaras, unha batería de 4.000 mAh con carga rápida a 18 watts e un detalle pouco frecuente nos smartphones de fabricación chinesa máis económicos: conectividade NFC para a realización de pagamentos móbiles.
No que ás cámaras se refire, ten unha cámara traseira cuádrupla con sensores de 48, 8, 2 e 2 Mpíxeles e unha cámara frontal de 13 Mpíxeles capaz de tomar selfies panorámicos. Tamén conta con modo retrato baseado en intelixencia artificial, o seu modo macro pode enfocar a só 2 centímetros de distancia, inclúe un modo nocturno (que dispara instantáneas de 12 Mpíxeles para conseguir unha boa luminosidade en malas condicións de luz) e incluso presume de cámara lenta na gravación de vídeo.
Falamos dun móbil moi atractivo, que o vindeiro venres sairá á venda en España en tres cores (azul estelar, branco lunar e gris medianoite) na súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento a un prezo de 199 euros. Máis adiante haberá tamén unha versión con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento por 179 euros e outra con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 249 euros.

A incorporación de NFC nos smartphones da gama Redmi fai máis accesibles os pagamentos móbiles

PUBLICIDADE