O Redmi Note 10 5G terá un prezo de partida de 199,99 euros

xoves, 6 de maio do 2021 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi segue a ser líder en España, posición que leva mantendo durante 5 trimestres consecutivos, o que no primeiro trimestre do ano supuxo o 35% dos smartphones vendidos, considerablemente por diante de Samsung (co 27%), de Apple (co 11%) e de Opo (co 9%) mentres vemos que Huawei cae até unha cota ridícula (4%) para unha compañía que estaba en cabeza cando se produciu o tráxico veto estadounidense que deixou a compañía chinesa fóra de xogo.
Nun escenario actual tan favorable Xiaomi busca consolidar posicións, e presenta o Redmi Note 10 5G, que posiblemente sexa un dos terminais cunha mellor relación entre prestacións e prezo, xa que está equipado cun procesador MediaTek Dimensity 700 con 5G, pantalla Full HD+ de 6,5 polgadas cunha frecuencia adaptable de até 90 Hz, cámara tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, lector de impresións dixitais no lateral, NFC (compatible con Google Pay), emisor de infravermellos, conector para auriculares e unha xenerosa batería de 5.000 mAh (con carga de 18 watts) que debería achegarlle unha magnífica autonomía, todo por un prezo que parte dos 199,99 euros, polo que debería ser un dos grandes referentes no merado durante os vindeiros meses.
O prezo de 199,99 euros corresponden ao modelo de 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, mentres que o modelo con 128 GB de almacenamento incrementaría o seu prezo até os 229,99 euros. Estes prezos son de lanzamento, polo que subirán lixeiramente a semana que vén, buscando así instar aos usuarios a realizar unha compra anticipada, xa que o lanzamento do produto está fixado para o 11 de maio.
Adicionalmente Xiaomi tamén porá á venda o Redmi Note 10S, un smartphone bastante semellante, pero que ao apostar por un procesador MediaTek Helio G95 deixa claro que prefire prescindir da 5G para centrarse na potencia, polo que sería un produto moi interesante para xogadores. A súa cámara traseira tamén mellora a súa resolución chegando aos 64 Mpíxeles e a carga da súa batería pode realizarse a 33 watts (polo que en 30 minutos pode completarse a carga até o 54%). Outro detalle a ter en conta deste móbil son os seus altofalantes estéreo, que ofrecen unha boa experiencia tanto vendo vídeo como xogando.
Este potente móbil custa 249,99 euros con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, incrementando o seu prezo en 20 euros se queremos optar po un almacenamento interno de 128 GB.

PUBLICIDADE