O Redmi 3S de Xiaomi incorpora lector de pegadas dixitais

mércores, 15 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses Meizu e Xiaomi levan un par de anos xogando ao gato e o rato, e agora que o Meizu M3S proponse como un teléfono económico con pantalla de 5 polgadas, carcasa metálica e lector de pegadas dixitais, Xiaomi lanza unha revisión do seu Redmi 3 igualando as apostas e incluso copiando totalmente a súa política de prezos, polo que temos que o novo Redmi 3S sae á venda a 699 iuans (94,32 euros) nun modelo con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno, mentres que o seu modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de capacidade venderase a 899 iuans (121,30 euros).
As prestacións deste smartphone económico continúan a ser moi boas, partindo dunha pantalla IPS de alta definición cunha diagonal de 5 polgadas, que vén acompañada por un procesador Qualcomm Snapdragon 430 de 8 núcleos, gráfica Adreno 505, cámara traseira de 13 Mpíxeles con apertura f/2.0, cámara frontal de 5 Mpíxeles cunha apertura f/2.2, bandexas para unha micro SIM e unha nano SIM (podendo aproveitarse esta última para ampliar a capacidade interna do móbil cunha tarxeta micro SD de até 128 GB), lector de pegadas dixitais traseiro, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, carcasa metálica (en cor gris, prata ou dourada), un grosor de 8,5 milímetros, 144 gramos de peso e, como especificación máis notable, unha batería de 4.100 mAh que o converten nun dos smartphones de maior autonomía do mercado. Un conxunto francamente impresionante (que debería ser dabondo para a meirande parte de usuarios actuais) por un prezo no contorno aos 100 euros que fai tremer a todo o catálogo de teléfonos de gama media, que cada vez vese máis ameazado por teléfonos económicos moi completos.

Pese a estarmos ante un smartphone moi económico, ten potencia dabondo para correr a meirande parte dos xogos do mercado

PUBLICIDADE