O Realme C55 imita descaradamente ao iPhone 14 Pro

mércores, 8 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Está previsto que nos vindeiros días chegue a Europa o Realme C55, un smartphone bastante económico, que vén de lanzarse en Indonesia a un prezo que ao cambio sería de 153 euros, o que está bastante ben para un móbil cun procesador MediaTek Helio G88, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD+ de 6,72 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz, cámara traseira cun sensor principal de 64 Mpíxeles e unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts, pero que finalmente vai destacar por un detalle do seu software bastante criticable: a Mini Cápsula.
Resulta que a súa cámara frontal de 8 Mpíxeles integrada nunha perforación en pantalla está disimulada dentro dun recadro de fondo negro con bordes redondeados que aprovéitase para presentar información como o estado de carga do teléfono, avisos de batería baixa, uso de datos ou distancia percorrida a pé ese día, ou sexa, que o fabricante chinés tivo a pouca vergoña de plaxiar a illa dinámica dos iPhone 14 Pro.
É de esperar que nos vindeiros meses vexamos moitos outros móbiles chineses nesta liña, como tamén aconteceu no seu día coa pestana superior dos iPhone, aínda que sexa bastante ridículo que os fabricantes se esforcen en imitar prestacións que realmente non aportan nada, senón que se limitan a imitar esteticamente á competencia.

A Mini Cápsula do Realme C55 é unha clara copia da Dynamic Island do iPhone 14 Pro

PUBLICIDADE