O Realme 3 Pro chegará a España o 5 de xuño a un prezo de só 199 euros

mércores, 22 de maio do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado unha das xogadas máis interesantes no mercado da telefonía móbil foi cando Xiaomi estreou a marca Pocophone, lanzando un móbil de grandes prestacións a un prezo moi axustado (o seu modelo básico chegou a España a 299 euros) e agora é Oppo o fabricante que quere facer algo semellante coa súa marca Realme, desembarcando en España o vindeiro 5 de xuño co atractivo Realme 3 Pro.
O Realme 3 Pro é un smartphone cun acabado bastante atractivo, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 710 (con 8 núcleos e un bo desempeño en xogos), promete unha magnífica autonomía coa súa batería de 4.045 mAh con carga rápida (capaz de completar a metade da carga en só 30 minutos), está equipado cunha cámara traseira dobre de 16 e 5 Mpíxeles con sensor Sony IMX519 e cunha cámara frontal de 25 Mpíxeles agochada nunha pestana en forma de V na parte superior central da súa pantalla Full HD+ de 6,3 polgadas e conta tamén con Bluetooth 5, Wi-Fi AC, lector traseiro de pegadas dixitais, dobre SIM e lector de tarxetas de memoria microSD.
Este novo móbil presume tanto da súa potencia como das súas cámaras, que grazas á intelixencia artificial conseguen boas instantáneas, sendo capaces de conseguir impresionantes fotografías nocturnas, retratos con desenfoque de fondo e gravación de vídeo 4K a 30 imaxes por segundo e incluso super cámara lenta a 960 imaxes por segundo (720p).
Temos así un smartphone que semella ser dabondo para moitos usuarios, incluso bastante esixentes, carecendo unicamente de detalles como resistencia á auga, carga sen fíos ou NFC, pero loxicamente eses detalles non permitirían que puidésemos mercar a súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento por 199 euros e a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 249 euros, prezos que sen dúbida van pór as cousas complicadas a marcas como Pocophone, que en breve debería lanzar a súa segunda xeracións de smartphones.

Vídeo promocional do Realme 3 Pro

PUBLICIDADE