O ROG Phone 5 Ultimate chega ao mercado con 18 GB de RAM

xoves, 11 de marzo do 2021 Marcus Fernández

A liña de videoxogos de Asus ten dende hai tempo toda unha liña de smartphones que se caracterizan pola súa elevada potencia e por estar optimizados para un uso intensivo, e esta semana están a estrear os ROG Phone 5, que parten dun modelo básico con 8 GB de RAM cun prezo inicial de 799 euros, até un impresionante ROG Phone 5 Ultimate, que está equipado con 18 GB de memoria LPDDR5 e 512 de almacenamento interno UFS3.1, configuración inédita até o momento, de aí que poida entenderse que custe a partir de 1.299,99 euros.
O ROG Phone 5 Ultimate non só é o primeiro smartphone en incorporar 18 GB de RAM, senón que tamén conta cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 888 con 5G, unha pantalla AMOLED de 6,78 polgadas (fabricada por Samsung) cunha velocidade de refresco de 144 Hz e unha velocidade de resposta de só 1 milisegundo, unha xenerosa batería de 6.000 mAh, controis AirTrigger 5 e un sistema de audio GameFX, combinación coa que perseguen conseguir a mellor experiencia de xogo móbil posible.
A nivel sonoro pode sorprender que o móbil estea equipado con altofalantes estéreo frontais, toma de auriculares de 3,5 milímetros con codec de alta gama e incluso un DAC ESS de alta fidelidade para os usuarios máis esixentes que queren gozar de son sen perdas.
Para as sesións de xogo máis esixentes é posible empregar un ventilador externo Active Cooler 5, que arrefría directamente os puntos quentes da cuberta traseira do ROG Phone 5 e chega a reducir a temperatura da superficie do móbil na zona onde ten a súa CPU até en 15 graos centígrados. De feito, conscientes dos problemas que pode ocasionar o quecemento do dispositivo, está deseñado para que os puntos quentes do móbil estean afastados da zona de agarre, e incluso pode sorprender que a súa batería estea dividida en dúas partes e sexa capaz de cargarse a 65 watts.
Aínda que estes móbiles non se centran tanto nas súas cámaras como os teléfonos ordinarios, o ROG Phone 5 Ultimate quen unha grande cámara principal de 64 Mpíxeles cun sensor Sony IMX686, unha cámara grande angular de 13 Mpíxeles e unha cámara macro, mentres que na súa frontal ten unha cámara de 24 Mpíxeles pensada para selfies e para transmitir vídeos en directo. Pode sorprender o feito de que sexa capaz de gravar vídeo en 8K a 30 imaxes por segundo coa cámara traseira principal, e tamén soporta vídeo a cámara lenta en 4K a 120 imaxes por segundo, Full HD a 240 imaxes por segundo e 720p a 480 imaxes por segundo.

PUBLICIDADE