O Quidditch promete ser o deporte de moda en PlayStation durante o mes de setembro

mércores, 28 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Os subscritores de PlayStation Plus recibirán a partir do 3 de setembro tres videoxogos que poderán gozar nas súas consolas como o xogo de béisbol MLB The Show 24 e a aventura de terror Little Nightmares II, que van quedar totalmente eclipsados pola grande estrea de Quidditch Champions.
Falamos do agardado xogo ambientado no mundo de Harry Potter no que poderemos participar en campionatos do deporte que se xoga sobre vasoiras voadoras na ficción de J. K. Rowling.
En Quidditch Champions poderemos xogar en diferentes estadios, podendo gozar incluso dun modo carreira que nos levará dende os partidos no xardín dos Weasley até a final do Mundial de Quidditch. Os xogadores poderán alzarse como campións en solitario ou nun modo cooperativo en liña en equipos de até 3 amigos. Tamén estará dispoñible un modo de xogador contra xogador para medirse con outros xogadores a través da Rede. Sen dúbida, un título que contará cunha grande masa de xogadores de PS4 e PS5 grazas á súa estrea directamente a través de PlayStation Plus.