O Portal de Transparencia da Xunta recibiu máis de medio millón de visitas

martes, 11 de agosto do 2020 Redacción

O Portal de Transparencia da Xunta recibiu máis de 554.800 visitas desde a súa posta en marcha en 2016 até o 30 de xuño deste ano nas que foron consultadas máis de 2 millóns de páxinas. No último ano -entre xullo de 2019 e xuño de 2020- rexistráronse 160.128 visitas, case un 5% máis que no mesmo período do ano anterior. O portal contén máis de 1.600 páxinas web nas que se poden visualizar máis de 4.440 documentos.
Entre as páxinas máis visitadas durante o primeiro semestre deste ano destacan as referentes a altos cargos, normativa en tramitación, retribucións ou a axenda institucional de altos cargos. Cómpre destacar que entre os meses de maio e xuño as dúas que recibiron máis visitas contiñan información sobre a covid-19.
Así, a máis consultada foi a que recolle a normativa aprobada pola Xunta e as medidas adoptadas por cada un dos seus departamentos ante a situación de emerxencia sanitaria, con 4.296 visitas. A segunda máis vista, con máis de 3.000 visitas, fai referencia o apartado específico de transparencia sobre o novo coronavirus creado para centralizar toda a información.
O Portal de Transparencia do Goberno galego continuou a funcionar durante o estado de alarma decretado o pasado marzo debido ao coronavirus, cunha actualización de forma regular dos seus contidos para garantir a transparencia das actuacións levadas a cabo pola Administración autonómica.

Solicitudes de acceso a información pública

Por outra banda, durante o primeiro semestre deste ano foron xestionadas 542 peticións de acceso á información pública no Portal de Transparencia, o que supón un incremento de case o 43% con respecto ao número de peticións de acceso xestionadas no mesmo período do ano anterior. A sede electrónica da Xunta tamén continuou operativa durante o estado de alarma, o que permitiu á cidadanía seguir a presentar as súas solicitudes e proceder a súa tramitación.
Con respecto a estas peticións, son de distinta natureza e van desde informacións relativas a información institucional, organizativa e de planificación; relacións coa cidadanía; relevancia xurídica; en materia de persoal; económica, estatística e orzamentaria; patrimonio; contratación pública; convenios; encomendas de xestión; así como subvencións e axudas; ordenación sobre o territorio e do medio ambiente e en materia de xogo.
Desde a posta en marcha do Portal de Transparencia en 2016, o número de solicitudes de acceso a información pública presentadas a través desta plataforma ronda as 3.000. Segundo a súa forma de presentación, máis de 2.300 realizáronse por medios electrónicos e 678 en papel, cunha clara preferencia da cidadanía pola presentación por medios electrónicos.
Por departamentos competentes para resolver as solicitudes, o maior número foi recibido na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, seguida das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Mar; e Infraestruturas e Mobilidade.

PUBLICIDADE