O Polo Aeroespacial referenda o seu obxectivo de crear tecido industrial galego avanzado

luns, 18 de xaneiro do 2021 Sandra Rivadulla

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou no consello asesor da Civil UAVs Initiative para explicar que durante os dous vindeiros anos desenvolverase unha infraestrutura única, coa que se pretende avanzar no regulamento do sector a través da simulación e dun laboratorio 5G. Desta forma, asegurou que “o principal obxectivo do Polo Aeroespacial de Galicia 2025 é crear tecido industrial ao redor deste sector”. Ademais, comentou a importancia da colaboración público-privada desta iniciativa e afirmou que “se trata dunha infraestrutura única polo seu tamaño, especialización, equipamento e pola súa capacidade de crecemento”.
Neste momento, dixo, o importante é seguir apostando polas empresas na identificación das liñas tecnolóxicas de interese, aínda que tamén se crearán novos instrumentos de financiamento para investigacións das universidades e centros de coñecemento tecnolóxico. No ámbito dos mercados, desenvolverase un programa de Compra Privada e de Innovación. Mentres, dende o punto de vista regulamentario e da seguridade xurídica, farase de Rozas (un dos grandes proxectos tractores de Galicia) “un lugar de referencia para a experimentación de novas tecnoloxías”, engadiu o conselleiro.
Para esta iniciativa, contarase coa axuda do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) , ademais da colaboración dun laboratorio 5G. Así, estímase que todos os proxectos resultantes poidan ser resolvidos nos dous próximos anos.
En concreto, o Polo Aeroespacial de Galicia xa mobilizou un investimento de 164 millóns de euros e executou 59 proxectos de I+D, a parte de infraestruturas para vehículos aéreos non tripulados. O proxecto contou co traballo de 800 profesionais de toda España, propiciando a creación de 5 novas empresas en Galicia. Ademais puxo en macha unha Business Factory Aero, na que xa se realizaron 19 proxectos empresariais e identificáronse 430 solucións tecnolóxicas, das que 6 están preparadas para o seu despegue inmediato nos servizos da Xunta de Galicia.
En definitiva, o traballo feito e os proxectos que se realizarán, permiten facer do Polo Aeroespacial de Galicia un proxecto transxeracional que busca crear a Galicia das vindeiras xeracións ofrecendo emprego de calidade, empresas competitivas e a participación da comunidade nas grandes tendencias e retos globais.

PUBLICIDADE