O Poco F2 Pro estréase como o smartphone 5G de alta gama máis económico do mercado

martes, 12 de maio do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de anos Xiaomi revolucionou o mercado co lanzamento do Poco F1, que chegou a España a un prezo que partía dos 299 euros, algo abraiante se temos en conta que este smartphone viña co procesador Qualcomm Snapdragon 845, ou sexa, o procesador propio dos móbiles de gama alta do momento; e agora repiten a xogada, e presentan o Poco F2 Pro, equipado co procesador Qualcomm Snapdragon 865, e que parte dun prezo de 499 euros, o que dista moito da ganga do primeiro modelo, pero que sitúase igualmente como un dos smartphones con estas prestacións máis económicos que poderemos atopar.
O Poco F2 Pro non só ten o procesador 5G máis potente do mercado, senón que tamén ten outros elementos de alto rendemento, como memoria LPDDR5, almacenamento UFS 3.1 e Wi-Fi 6; unha pantalla AMOLED Full HD+ de 6,67 polgadas con HDR10+ e Corning Gorilla Glass 5; toma para auriculares, NFC, lector de pegadas en pantalla, emisor de infravermellos e batería de 4.700 mAh con carga rápida de 30 watts (capaz de completar a carga en 63 minutos).
A nivel fotográfico conta cunha cámara frontal retráctil de 20 Mpíxeles con soporte de cámara lenta a 120 imaxes por segundo; aínda que o seu punto forte é a cámara traseira cuádrupla, cun sensor principal de 64 Mpíxeles, soporte de gravación de vídeo 8K, modo nocturno, desenfoque de fondo durante a gravación de vídeo e incluso modo profesional para poder disparar fotografías e gravar vídeos cun elevado nivel de axustes.
O prezo de lanzamento do Poco F2 Pro será de 499 euros para a versión con 6 GB de RAM LPDDR4X e 128 GB de almacenamento UFS 3.1 (dispoñible dende hoxe en unidades limitadas e con entrega en 12 días laborais), estando en breve tamén dispoñible un modelo con 8 GB de RAM LPDDR5 e 256 GB de almacenamento UFS 3.1 que custará 599 euros.

PUBLICIDADE