O PlayStation Phone está máis preto de converterse en realidade

mércores, 27 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O PlayStation Phone sería un móbil con Android 3.0 de Sony Ericsson que estaría optimizado para uso lúdico

A xente de Engadget está a recuperar un rumor que leva anos circulando, e que implicaría que a nova consola portátil de Sony podería ser un móbil que polo momento dan en chamar PlayStation Phone (do que eles mesmos xa daban detalles en agosto), e que buscaría chegar ao mercado cando estea dispoñible o Android 3.0 integrando un Sony Marketplace personalizado no que estarían dispoñibles multitude de xogos, buscando así tirar proveito do aprendido co lanzamento e fracaso da PSP Go.
O novo dispositivo, actualmente en fase de prototipo (do que achegan multitude de imaxes), tería un procesador Qualcomm MSM8655 a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 1 Gb de ROM, pantalla multi-táctil de entre 3,7 e 4,1 polgadas e lector de tarxetas de memoria microSD (en vez das tradicionais Memory Stick de Sony).
O prototipo desvelado por Engadget aínda non tería unha coidada interface de usuario, non ofrecendo sequera unha personalización como a que presentan os móbiles Sony Ericsson Xperia X10, polo que parece ser que deberemos agardar a 2011 para velo no mercado.
Tras a publicación das imaxes do prototipo, moitas foron as voces que aseguraban que estabamos ante unha falsa filtración, pero dende Engadget aseguran que a súa información é fiable, e foi confirmada por múltiples fontes de confianza, o que ten certa credibilidade se atendemos a filtracións pasadas publicadas polo mesmo blog.

PUBLICIDADE