O Plan UNICO 5G fracasa polas condicións das súas axudas

mércores, 10 de agosto do 2022 Marcus Fernández

O diario Expansión dá conta de que o Plan UNICO 5G, co que o Ministerio de Asuntos Económicos e de Transformación Dixital quería incrementar a cobertura da rede 5G en contornos rurais, é un fracaso xa que as condicións para poder acceder aos subsidios de 150 millóns de euros do plan provocaron que o concurso quedase deserto xa que non contan con que haxa ningunha proposta válida que cumpra co articulado do prego do proxecto.
Ao parecer as axudas só recollían subsidios para a construción de torres de telecomunicacións, pero non para os equipamentos das mesmas, aínda que si obrigábase a que cada torre proposta tivese o compromiso dalgunha compañía de telecomunicacións para instalar algún equipo para dar servizos 5G (para o que as compañías carecen de incentivos).
Pero dende Expansión tamén apuntan a que o requisito principal inasumible polo plan era a esixencia de cubrir o 10% das estradas das zonas ás que está destinado o plan, que dada a baixa densidade de poboación do territorio afectado polo plan faría inviable o investimento (xa que precisaría da instalación de entre 500 e 700 torres novas). Amais, as torres tamén tiñan que ser especialmente robustas, xa que terían que estar preparadas para a instalación de equipamento de cando menos 4 operadores.
Agora confíase en que o Ministerio solicite ás autoridades comunitarias a reformulación do plan para adaptarse á realidade, o que se traducirá en boa medida nun importante retraso das actuacións.

PUBLICIDADE