O Pixel 2 XL venderase en España por 959 euros

mércores, 4 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Hoxe foi o día no que se presentou a segunda xeración dos produtos de hardware #madebyGoogle, da que forman parte os novos teléfonos Pixel, o Google Home Mini e Max, un novo Pixelbook, a cámara de mans libres Google Clips, os auriculares Google Pixel Buds e incluso unha actualización do casco Daydream View (para adaptarse aos novos teléfonos), que propóñense como unha boa combinación de hardware, software e intelixencia artificial avanzada.

Teléfonos insignia

Os produtos máis rechamante son sen dúbida os novos smartphones da familia Pixel, xa que serán os primeiros que se comercialicen en España, aínda que aquí non veremos o Pixel 2 con pantalla de 5 polgadas, senón que teremos unicamente o Pixel 2 XL con pantalla de 6 polgadas, que poderá adquirirse a través da tenda en liña de Google e tamén a través de Orange a un prezo de 959 euros, chegando ao mercado o vindeiro día 26.
O Google Pixel 2 XL presentará un corpo de metal resistente á auga, está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 935, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento; a súa pantalla pOLED de 6 polgadas ten unha resolución de 2.880 x 1.440 píxeles); ten cámaras de 12,2 e 8 Mpíxeles; a súa batería de 3.520 mAh ten carga rápida (por USB-C) que permítelle operar até 7 horas con só 15 minutos de carga. Funciona con Android 8.0 e aínda que atendendo ás súas especificacións non parece un teléfono especialmente rechamante, parece ser que, pese a carecer de dobre cámara traseira, ten unha das cámaras de maior calidade do mercado.

Altofalantes con intelixencia artificial

A renovada aposta de Google polos altofalantes para o fogar tamén resulta interesante, xa que deciden moverse en dúas direccións á vez partindo do vello Google Home, de xeito que agora teremos o Google Home Mini, de semellantes prestacións, pero cun tamaño máis compacto e un prezo de só 49 dólares (facilitando a entrada deste tipo de produtos no fogar) e por outra banda teriamos o Google Home Max, que aspiraría a ser un altofalante con grande calidade sonora (o que podería entenderse como unha reacción ao HomePod de Apple, que verá a luz a finais de ano). Ambos produtos integrarían o asistente de Google, pero polo momento non está prevista a súa comercialización en España.

Portátil con Chrome OS

Outro produto que non está previsto que chegue a España sería o novo Google Pixelbook, un ordenador portátil con pantalla táctil de 12,3 polgadas e lapis dixitalizador que podería considerarse como un alta gama, que resulta bastante absurdo por funcionar con Chrome OS, sistema operativo orientado a tecnoloxías web, que caracterízase pola súa seguridade e por requirir poucos recursos, de aí que non se vexa moi lóxico que existan ordenadores de grande potencia dentro desta plataforma. Estamos ante un portátil moi versátil, lixeiro (1,1 quilos) e delgado (10,3 milímetros) que estará equipado con procesadores Intel Core i5 e i7 e até 512 GB de almacenamento, pero que partirá dun prezo de 999 dólares (o lapis dixitalizador venderíase aparte por outros 99 dólares), o que parece un prezo moi elevado para o seu público obxectivo (o ámbito no que Chrome OS trunfa actualmente é o educativo).

Unha cámara orixinal

O produto máis curioso dos presentados hoxe sería a cámara Google Clips, que busca funcionar en mans libres, colocándose sobre unha mesa, nunha cadeira ou nun xoguete, para así poder captar momentos familiares ou curiosos dun xeito diferente, xa que o usuario non terá que estar detrás do obxectivo, sendo o operador da cámara unha intelixencia artificial que buscará os mellores momentos para disparar instantáneas e incluso recoñecerá a amigos e familiares para procurar recollelos con máis frecuencia que a outros individuos.
Os contidos da cámara poden xestionarse a través da súa correspondente aplicación para iOS e Android e benefíciase da posibilidade de gardar copia das fotografías e vídeos en Google Fotos sen limitación, aínda que ningún contido sairá da cámara até que o usuario decida gardalo (evitando así a síndrome de Dióxenes dixital), converténdose nunha ferramenta moi atractiva para quen teña pequenos ou animais na casa.
Esta cámara vendarse polo momento nos EE.UU. a un prezo de 249 dólares, e polo momento só é compatible con móbiles como o Google Pixel, os Samsung Galaxy S7/S8 e o iPhone (a partires do 6).

Auriculares sen fíos de Google

Dende Google parecen estar a seguir a estratexia de Apple cos AirPods, de xeito que ao suprimir o porto de auriculares dos Google Pixel 2 tamén decidiron lanzar os Google Pixel Buds, auriculares sen fíos que tanto poden empregarse para escoitar música como para conversar co asistente de Google, e que na liña dos de Apple, tamén veñen nunha caixa que fai á súa vez de cargador.
Outra funcionalidade interesante deste produto é que os auriculares poden aproveitarse para funcionalidades de tradución automática, de xeito que se lle dicimos que nos axude a falar noutro idioma os auriculares traducirán á nosa lingua o que escoitemos e as nosas palabras sairán traducidas á outra lingua dende o altofalante do smartphones, facilitando así a comunicación con persoas que falen algún dos 40 idiomas que soporta polo momento esta tecnoloxía.
Os Pixel Buds sairán a venda en novembro nos EE.UU. en novembro a un prezo de 159 dólares, para chegar logo a outros países entre os que non figura España.

A función de tradución en 40 idiomas pode ser un grande reclamo para facerse cos Google Pixel Buds

PUBLICIDADE